O evento F8 2014 xuntou hoxe a máis de 1.700 desenvolvedores en San Francisco que traballan coa tecnoloxía de Facebook, agardando aprender alí as novidades que está a preparar a compañía de Mark Zuckerberg para axudalos a achegar máis produtos e servizos a esta plataforma en liña que promete gañar estabilidade durante este ano, procurará manter o control da información no lado do usuario e facilitará o establecemento de pontes entre plataformas móbiles (facendo máis doado o traballo dos desenvolvedores).
Concretando estes obxectivos anunciáronse novas funcionalidades como un novo sistema de identificación mediante Facebook (que permite que os usuarios poidan elixir os datos persoais que comparten coas aplicacións), estrean un sistema de identificación anónima (sen compartir ningunha información persoal de Facebook cos desenvolvedores das aplicacións), garante que o núcleo dos produtos de Facebook manteranse un mínimo de 2 anos (para tranquilidade dos desenvolvedores), permitirán o establecemento doado de ligazóns entre aplicacións e actualizan a súa estrutura de prezos de Parse para facer máis asumible desenvolver produtos e servizos ao redor da nube de Facebook.
Outras funcionalidades que contribuirán a reter usuarios serán a posibilidade de empregar o botón de Gústame directamente dende aplicacións móbiles (xa dispoñible para iOS e en preparación para Android), cadros de diálogo de mensaxe para iOS e Android (que permitirán que a xente comparta contido dun xeito máis persoal a través de Facebook Messenger) ou a función de Enviar ao Móbil (de xeito que un usuario que visite unha páxina web mentres está identificado mediante Facebook poida remitir unha notificación ao seu móbil, por exemplo, para descargar unha app). Tamén estrean o programa FbStart, a través do que as startups poderán aproveitar un lote de recursos e ferramentas de compañías punteiras para medrar no ámbito móbil.
Outro anuncio importante dos feitos hoxe é a presentación da Audience Network, unha plataforma publicitaria para aplicacións móbiles que pretende axudar a tirar rendemento económico das apps á vez que busca que a publicidade amosada resulte o máis efectiva posible, de xeito que axustarase o máximo posible ao público que está a visualizala. Estamos ante unha porta a unha grande base de anunciantes que poderán aproveitar as aplicacións móbiles para intentar chegar ao público a través de distintos formatos publicitarios que van dende os molestos interstitials ata os banners tradicionais, pasando por módulos personalizados que se adapten á aparencia dunha aplicación móbil en concreto. Esta nova plataforma bota agora a andar na súa fase de probas, sendo preciso inscribirse e ser aceptado antes de poder implementar estes novos anuncios en aplicacións móbiles para iOS e Android.
Vídeo de presentación do novo sistema de identificación mediante Facebook que permite controlar os datos que compartimos coas aplicacións
Vídeo de presentación da nova plataforma publicitaria móbil de Facebook

