O Centro Social Novacaixagalicia de Vigo, emprazado na rúa Policarpo Sanz, vai acoller o vindeiro 9 de maio unha interesante cita para os nosos profesionais dos ámbitos privado e público implicados nos procesos que están a facer evolucionar as nosas cidades ao tempo que evoluciona (sen volta atrás) o noso xeito de comunicarnos, informarnos e xestionar recursos. A xornada As TIC e a eAdministración no marco das Smart Cities vén da man de CONETIC (patronal do sector que preside o galego Jorge Cebreiros), coa colaboración da Fundación Biodiversidade. Dará comezo ás 9.15 horas e estenderase ata as 15.00.
O obxectivo da xornada, segundo informa CONETIC, é duplo: por unha banda identificar aquelas necesidades ou posibilidades de mellora do eido smart existentes nos concellos participantes, e por outra banda amosar tecnoloxías xa desenvolvidas e aplicadas que axuden á eficiencia e á sustentabilidade da Administración Pública, de xeito que sirvan como exemplo dos ámbitos onde se poden desenvolver iniciativas empresariais de éxito.
O encontro está dirixido a profesionais autónomos, técnicos e directivos de empresas TIC e de electrónica, amais de persoal técnico do sector, técnicos de produción e persoal directivo de PEME ligadas ao tecido tecnolóxico-dixital que pretendan facer da incorporación e o uso intensivo das TIC novos modelos de negocio.
A xornada dará comezo arredor das 9.30 horas (logo da acreditación de asistentes) cunha mesa colectiva de introdución á temática a tratar na que participarán Jorge Cebreiros (presidente de CONETIC e da asociación galega INEO), Carmen José López Rodríguez (presidenta de AJE Galicia), Xoán Vázquez Mao (secretario xeral Eixo Atlántico) e Ramón Bermúdez de Castro, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
A continuación, falará sobre o desenvolvemento sustentable das administracións Ricardo Fernández, xerente do COETG, e máis tarde virá unha nova mesa redonda sobre as necesidades TIC da administración local na que participarán Lucía Gregorio (directora xeral de INEO), Sandra González (alcaldesa de Tomiño), Román Rodríguez (tenente-alcalde de Lalín), Severino Rodríguez (alcalde de Monforte), José Antonio Vidal (concelleiro de Medio Ambiente de Nigrán) e Pablo Rivera (representante da Eurocidade Chaves-Verín). Na recta final do evento, falarán representantes das empresas Sivsa, Ayco, Infojc, Crossnet e Ultreia Comunicacións.
Vigo acolle o 9 de maio unha xornada na que avaliar as necesidades smart dos nosos concellos
Compartir Este Artigo
