Este luns ás 12.00 horas temos en Vigo, na Escola de Enxeñaría Industrial, unha oportunidade de primeira orde para afondármonos na vangarda das tecnoloxías ao servizo das infraestruturas de electricidade. De feito, trátase dunha conferencia que vai correr a cargo recoñecido investigador internacional deste ámbito concreto, Mo Yuen Chow, profesor da Universidade de Carolina do Norte. A sesión, que se celebra na sala de xuntas da Escola, desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Control, Optimización e Análise de Redes Eléctricas Intelixentes. Mo Yuen Chow achegará “unha visión xeral sobre a revolución que supuxeron estas infraestruturas”.
Lembrar que a experiencia investigadora que o relator amosará en Vigo baséase sobre todo nos ámbitos do control, a distribución e a xestión de fallos con aplicacións en redes intelixentes, baterías e sistemas de mecatrónica e robótica. Ademais, ten sido investigador principal en proxectos financiados por diversas axencias federais e empresas privadas.
Respecto á temática da conferencia, as Redes Eléctricas Intelixentes (REI), Smart Grids en inglés, dicir que é un eido de investigación que abrolla da conxunción dos máis innovadores desenvolvementos de enxeñaría eléctrica cos avances das novas tecnoloxías da información. Todo isto aplicado á cadea de produción e distribución de enxería eléctrica, dende que se crea ata que se comercializa, e incluíndose no seu abeiro as enerxías alternativas. En definitiva, do que se trata é de optimizar e facer máis eficaz a xeración e fornecemento de luz, poñendo en xogo sistemas únicos de xestión para realizar usos eficientes e racionais da enerxía. Segundo reza na Wikipedia, As REI son unha metodoloxía de control e seguimento da electricidade que utiliza a tecnoloxía informática para optimizar a produción e a distribución de electricidade co fin de equilibrar mellor a oferta e a demanda entre produtores e consumidores. Asóciase en moitas ocasións este tipo de desenvolvementos coa estratexia medioambiental mundial, xa pór en xogo eficacia no eido enerxético axuda, e moito, a reducir a emisión de gases que provocan o quecemento global.
Mo Yuen Chow, experto en Smart Grid, achega hoxe unha conferencia na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo
Compartir Este Artigo
