O encontro #NeThinking concluíu a súa cuarta convocatoria e segundo informan os organizadores (a Consellería de Cultura e Educación), semella que foi un éxito de participación e tamén de seguimento a través das redes sociais. Lembrar que o foro, un encontro sobre Internet e novos xeitos de comunicármonos, reúne na Illa de San Simón a algúns dos principais referentes na reflexión e o debate arredor da Rede e as súas posibilidades futuras: comunicadores, xornalistas, artistas, creadores de contidos, produtores e consultores.
A cuarta edición, que se centrou sobre todo en avaliar o potencial das TIC como ferramentas empresariais na comunicación, desenvolveuse en aberto a través da participación virtual en Twitter e a través de tecnoloxía streaming, acadando “un récord de interacción co público e repercusión na Rede”.
De feito, sinala a organización, “foron máis de dez millóns os impactos rexistrados en Twitter, seguindo as etiquetas #Netkinking2014 e #NeThinking”. Ademais, acadouse seguimento a través streaming en máis de 30 países. Por outra banda, as sesións (para quen queira visualizalas sen límites horarios) foron envorcadas integramente na canle de #NeThinking en Youtube.
O foro #NeThinking obtivo máis de dez millóns de impresións en Twitter
Compartir Este Artigo
