
Segundo avanza Intel, a súa arquitectura pode incorporar avances tecnolóxicos importantes nas máquinas de vending, dotándoas dunha contorna de deseño máis flexible. De aí xorde o deseño que se está a presentar na dita feira, dirixido a transformar as máquinas expendedoras tradicionais en sistemas “con alta capacidade de computación e con conexión a Internet”. Intel lembra ao respecto que a maioría dos sistemas actuais no mercado están deseñados ao redor de VMC (Vending Machine Controller), controladores específicos para máquinas expendedoras, que xestionan múltiples subsistemas básicos e independentes como o control dos pagos, refrixeración, iluminación ou a xestión dos cartos e os produtos. “Ao estar baseados en microcontroladores de baixas prestacións”, engadiu a compañía, “a maioría de VMC non son quen de garantir os niveis de procesamento, conectividade, seguridade, sinxeleza de xestión e flexibilidade de software que esixen as últimas xeracións de plataformas de vending, dotadas de pantallas táctiles interactivas e métodos de pago flexibles”.
Polo tanto, o deseño de referencia de Intel amosado en Milán busca responder ás devanditas eivas incorporando unha solución integrada de hardware e software, que traslada a funcionalidade propia dos VMC a un procesador Intel. “Así”, explica a compañía, “a arquitectura Intel garante a dispoñibilidade de conectividade Ethernet e sen fíos e ofrece acceso á potencia de procesamento precisa para distribuír estes servizos en auxe”. Como resultado de todo isto, conclúe, “fabricantes de expendedoras de todo o mundo poderán elixir entre diversos procesadores Intel que executan exactamente o mesmo código, é dicir, son compatibles con tecnoloxías anteriores, e que ademais achéganse cun extenso e asentado ecosistema de provedores independentes de software”.
Lembrar tamén que o deseño de referencia de Intel para sistemas de vending intelixentes xa foi adoptado por varios fabricantes punteiros do sector, entre os que se inclúen Advantech, Cantaloupe, Ingenico e SAP, que arestora están a desenvolver prototipos e produtos baseados nesta nova plataforma.
Intel amosa a súa tecnoloxía para máquinas expendedoras baseada na Internet das Cousas
Compartir Este Artigo
