Co fin de incentivar a materialización en feitos do pulo creativo da nosa mocidade, o Campus do Mar está a desenvolver a segunda edición da súa Escola de Emprendedores, unha iniciativa que ten como obxectivo impulsar o medre económico e a internacionalización en Galicia e no norte de Portugal, centrándose nun sector tradicional como é o do mar para levalo cara ao futuro. Forman parte deste iniciativa 20 estudantes das tres universidades galegas que ata xuño afrontarán sesións formativas prácticas, como obradoiros e visitas a empresas, xunto con outras experiencias como adestramento profesional externo e manexo de simuladores. Por certo que entre os proxectos destes estudantes e dos seus predecesores na Escola hai diferentes exemplos dunha interacción enriquecedora: a que ensarilla a investigación mariña coas posibilidades das novas tecnoloxías da información.
Segundo informa a UVigo, logo das sesións formativas iniciais na Coruña, a Escola trasladouse a pasada semana a Vigo, con sesións sobre competencias profesionais e marca persoal, incluídas citas para compartir experiencias con algúns dos participantes na primeira edición do programa. É o caso de Ramón Castro, responsable de West Surf School, unha academia de surf que vai un paso máis aló desta idea tradicional de negocio (achegando especialización e abrindo o abano de servizos que dende hai anos van implícitos na formación deste deporte) ou de Diego Santos, creador de SurfIn, unha guía turística en liña e enfocada á práctica desta actividade na nosa terra. ViajerosLowCost foi outro dos casos de éxito amosados ante os estudantes desta segunda edición da Escola, unha empresa de organización de viaxes e eventos económicos para público novo, creada por Javier Ramón. Asemade, os participantes tamén tiveron a oportunidade de coñecer o miolo de Saborplace.com, unha páxina web posta en marcha (tamén) ao abeiro da primeira convocatoria da Escola, impulsada por Fátima Andrade e Arantxa Fernández. Estamos ante unha plataforma de difusión e venta en liña de produtos naturais, ecolóxicos e gourmet que chegan directamente do produtor ao consumidor.
Volvendo aos novos estudantes da Escola de Emprendedores do Campus do Mar, dicir que en maior ou menor medida xa teñen perfilados os seus proxectos empresariais ligados á actividade marítima e tecnolóxica. A isto cómpre engadir as iniciativas que deberán impulsar e madurar ao abeiro da Escola: un total de cinco ideas emprendedoras. Deberán maduralas e desenvolvelas en grupos interdisciplinares, xa activos e dando froitos. Como por exemplo o grupo de David Torres, María Castro, Melania Pérez e Miguel Gómez, que proceden de titulacións tan dispares como Ciencias do Mar, Arquitectura, Mestrado en Banca e Finanzas ou Máquinas Navais. O seu proxecto colectivo consiste na creación dun espazo físico de divulgación onde poñer en valor diversos aspectos relacionados co mar. Por outra banda temos ao grupo do que forma parte Mª Mar Arias Raposo, que ten a intención de dar forma a unha plataforma flotante para a restauración, o deporte e o lecer nocturno. En total, nesta segunda edición da Escola de Emprendedores participan 20 estudantes e titulados das tres universidades galegas, 14 deles da Coruña, catro de Santiago e dous de Vigo. As súas titulacións de orixe abranguen case todos os eidos do coñecemento, cunha destacada presenza de estudantes ou licenciados en Administración e Dirección e Empresas e Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. Pero neste grupo tamén hai titulados en Turismo, Informática, Ciencias do Mar, Bioloxía, Química, Relacións Laborais ou Arquitectura entre outros. Os seus proxectos empresariais presentaranse na Coruña o vindeiro 13 de xuño.
Os estudantes da Escola de Emprendedores do Campus do Mar métense de cheo no miolo da innovación
Compartir Este Artigo
