Temos á vista xa a convocatoria startup4cities, iniciativa de Fundetec e RECI (Rede Española de de Redes Intelixentes) para impulsar as novas iniciativas de mercado e “procurar respostas para os novos desafíos do desenvolvemento urbano estatal”. Ou sexa, que do que se trata é de dotar de azos e enerxía a novos proxectos que satisfagan unhas demandas que serán crecentes, importantes e extensibles en maior ou menor medida a todas as nosas cidades: as demandas das Smart Cities. En total, participan en startup4cities 89 proxectos de empresas de base tecnolóxica orientados a mellorar a eficiencia dos espazos urbanos e a calidade de vida dos seus cidadáns. Do total de candidaturas recibidas, 2 proceden de Galicia (1 da Coruña e 1 de Lugo).
Asemade, tamén proveñen dúas de Estremadura, Murcia e Navarra. Por enriba sitúanse a Comunidade de Madrid (38), Andalucía (17), a Comunidade Valenciana (7); Catalunya e Euskadi (5) e Castela e León (4). Por detrás séguenlle Aragón, Asturies, Balears, Canarias e Castela-A Mancha con 1 proxecto presentado.
Respecto da temática dos proxectos, segundo informa Fundetec “son moi numerosos os que tratan de buscar unha solución aos problemas de mobilidade nas cidades, a través de aplicacións que facilitan a xestión do tráfico, a localización de prazas libres de aparcadoiro ou a opción de compartir coche”. Tamén son moitas iniciativas “que ofrecen servizos baseados en aplicacións móbiles para xestionar as incidencias e danos que se atopan na cidade, para proporcionar a oferta de lecer e información turística, para dinamizar o comercio mediante promocións”. Fundetec tamén salienta os proxectos que impulsan e facilitan a eficiencia enerxética nos edificios e as solucións de tipo colaborativo e solidario.
Un xurado con experiencia no ámbito das novas tecnoloxías e as Cidades Intelixentes será o encargado de seleccionar os 12 mellores proxectos, cuxos responsables “terán a oportunidade de presentalos e defendelos ante un auditorio formado por representantes municipais das máis de 50 cidades que forman parte de RECI”, informan os impulsores do certame. Durante ese evento, que se celebrará o 10 de xuño en Madrid, os concellos pronunciaranse respecto dos proxectos que consideran do seu interese, e ofreceranse aos emprendedores para achegarlles a axuda precisa para empregar a súa cidade como obradoiro e probar os seus produtos.
Dous proxectos galegos concorren na convocatoria startup4cities
Compartir Este Artigo
