Finalmente o Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG entregou os seus premios galardóns á nova edición, a número 21, dos seus Premios de Publicidade en Galega. Os recoñecementos foron dados a coñecer nun acto celebrado este mércores no Parlamento de Galicia. Na modalidade de Internet, quíxose distinguir o anuncio Faite amigo da Catedral, impulsado pola Fundación Catedral de Santiago de Compostela e desenvolvido polas empresas Arraianos, Arxuina, Meteórica e Planomedia, e presentado por Arraianos.
Esta campaña, como lembraremos, vai dirixida a crear comunidade de apoios arredor do monumento relixioso compostelán, coma se dunha iniciativa de crowdfounding (procura de micromecenas en liña ou pequenos produtores) ou unha rede social específica se tratase. A campaña convida a facernos “amigos” da Catedral a través da páxina web da mesma.
Volvendo ao premios en si mesmos, dicir que na modalidade de publicidade na radio o recoñecemento máximo recaeu en O Son da nosa fala, desenvolvido por Radio Lugo. Na categoría de televisión, o anuncio gañador foi Maxia Verde, de Aceites Abril, elaborado e achegado pola axencia Imaxe.
No transcurso de entrega de galardóns, o presidente do Consello Asesor de RTVE-G, Xosé Miguel Alonso Boó, salientou “que o galego na publicidade é un feito irreversible” e engadiu que a nosa lingua “é útil e rendible en todos os ámbitos”. Proba diso, é o éxito das campañas distinguidas no certame.
A campaña para buscar amigos da Catedral, premiada pola RTVE-G e a CRTVG
Compartir Este Artigo
