O centro tecnolóxico Gradiant vén de pór en marcha un experimento específico para avaliar a actividade xerada das redes sociais con motivo de grandes acontecementos. Ou sexa, tomarlle o pulso ás comunidades 2.0 como espello do que acontece na vida real nun intre determinado, espello que pode acabar por converterse tamén en escenario principal. Nas probas a desenvolver polo centro tecnolóxico galego haberá unha rede social concreta, Twitter, e un suceso real concreto, a final da Liga de Campións en Lisboa (Real Madrid contar Atlético de Madrid). Podemos ver toda a información sobre o experimento na web laotrafinal.com.
A idea xurdiu ao decatárense os investigadores de Gradiant do papel que está xogar Twitter en España durante as retransmisións dos grandes eventos deportivos. “De feito”, sinala o centro tecnolóxico, “cada vez é máis frecuente que os seareiros vivan os partidos importantes cun ollo posto na dita rede social e o outro no televisor”. Así foi de certo no último clásico entre Real Madrid e FC Barcelona, que forneceu máis dun millón de mencións na comunidade 2.0. Tendo en conta este feito, esta inxente actividade, e botando man de tecnoloxías propias para a análise de cantidades masivas de información, Gradiant comezou a abordar de cheo o exame semántico da rede social.
“O que facemos”, explican os investigadores, “é calcular a porcentaxe de chíos positivos para cada equipo do total de chíos dirixidos cara a ese mesmo equipo, e normalizar os resultados a unha porcentaxe total, co que se elimina a variable do número”. Isto ten unha importancia vital, “dada a enorme diferenza en cantidade de seareiros do Real Madrid con respecto aos do Atlético de Madrid”. A partir de alí, estímase unicamente a positividade de cada unha das afeccións. “Trátase dun cálculo cualitativo, non cuantitativo”, engaden.
Polo que atinxe ao filtrado, faise “en base a unhas palabras clave positivas que se definen previamente, con grupos de regras lóxicas que permiten etiquetar os chíos segundo o grupo polo que son filtrados”. De feito, así desta maneira é como se localizan os chíos referidos ao Real Madrid, ao Atlético ou a ámbolos dous. Logo disto, aplícase un algoritmo chamado polos investigadores de Gradiant “detector de historias”, que avalía o texto dos chíos dos últimos 10 minutos e agrúpaos en base á súa semellanza en historias (indícase o número de chíos que contén cada historia). Logo enuméranse as palabras dos últimos chíos e xérase unha nube de palabras coas máis recorrentes. “O tamaño de cada palabra”, engade Gradiant, “está directamente relacionado co número de aparicións do devandito termo”. Os investigadores clasifican os chíos en positivos, negativos e neutros. Co sentimento positivo capturado faise a porcentaxe de apoio a cada club. A suma dos dous é o cen por cento. A partir deste intre, calcúlase a porcentaxe para cada equipo.
Gradiant lánzase a avaliar o papel que xogará Twitter na final da Champions en Lisboa
Compartir Este Artigo
