O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, SEMESCOM, vén de subir á Rede todos os seus contidos publicados ata o día de hoxe. A entidade, entregada no coidado, preservación e divulgación do patrimonio da devandita comarca galega, dixitalizou a información xerada pola súa actividade co obxectivo de pór a disposición dos internautas a súa obra bibliográfica e audiovisual. Trátase do traballo dunha década: unha ducia de libros (Polas antas e mámoas da Costa da Morte, Guía dos Penedos de Pasarela e Traba, entre outros) e media ducia de documentais ao alcance da man de calquera usuario da Rede.
O traballo acompañouse da remodelación da páxina web que dá acubillo ao seminario, www.semescom.org. O proceso de envorcado desenvolveuse en diferentes treitos. O primeiro correspóndese con 2013, e nel fóronse dixitalizando os libros publicados pola entidade en formato PDF. Isto vai permitir a súa consulta dende calquera dispositivo tecnolóxico. Nestes intres, a dixitalización atópase no seu segundo chanzo, coa carga dos documentais á Rede. A partir de agora, informa o xornal en liña Que Pasa na Costa, irase subindo un DVD cada semana á canle do SEMESCOM en Vimeo.
O Seminario de Estudos da Costa da Morte envorca na Rede as súas obras
Compartir Este Artigo
