Ser un referente a nivel mundial no eido das denominadas Smart Cities (ou Cidades Intelixentes) é o obxectivo de Telefónica, que vén de anunciar a escolla de Valencia como lugar para levar a cabo a primeira solución tecnolóxica de xestión integral que a transformará nunha cidade intelixente e totalmente conectada. Deste xeito, informa a operadora, “Valencia pasará a ser a única cidade española que reúna todos os seus servizos a través de 350 indicadores nunha plataforma capaz de xestionar o 100% dos recursos públicos e interconectar as ferramentas de todas as áreas: mobilidade, tecnoloxía, eficiencia enerxética, medioambiente, xestión demográfica e urbanismo, entre outras”.
Cómpre informar que a plataforma está deseñada para monitorizar todo o que acontece na cidade e establecer así estratexias que permitan ao concello traballar de maneira máis eficiente, mellorando a calidade de vida dos valencianos e dos miles de turistas que visiten o lugar.
A redución do gasto público, optimizar a eficiencia na súa xestión e mellorar a calidade dos servizos son as principais metas da posta en marcha desta plataforma. Desde Telefónica, o director xeral do territorio sinalou ademais algúns exemplos prácticos, “o concello coñecerá o que ocorre na cidade en tempo real e poderá anular a rega automatizada en días de chuvia, abrir os semáforos para o paso dunha ambulancia, acender farois nun día anubrado para mellorar a visibilidade ou avisar aos cidadáns de onde hai prazas libres para aparcar, entre outras moitas posibilidades que achegará esta solución tecnolóxica”.
Valencia convértese así nunha e-cidade, con infraestruturas eficientes para: telecomunicacións, gas, transportes, servizos de urxencia e seguridade, equipamentos públicos, medio ambiente, limpeza, recollida de residuos, iluminación, servizo de guindastre, xardinaría ou meteoroloxía. Todos estes servizos estarán permanentemente monitorizados e conectados a través da rede de última xeración de fibra óptica que garante unha capacidade e velocidade practicamente ilimitada.
Valencia convértese en cidade intelixente grazas a Telefónica
Compartir Este Artigo
