Gradiant, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia con sede en Vigo, vén de anunciar que xa forma parte da Fundación Círculo, o espazo de intercambio de información máis relevante do Estado en canto ao sector das Tecnoloxías para a Seguridade e a Defensa. Achegándonos un pouco máis a esta entidade, é preciso sinalar que está constituída como lugar de encontro para o intercambio de información entre todas as persoas e entidades relacionadas co sector das Tecnoloxías para a Defensa e a Seguridade.
Os seus obxectivos son, entre outros: fomentar iniciativas que tendan á creación e ao desenvolvemento dunha tecnoloxía nacional de aplicación á defensa e á seguridade (de xeito especial nas áreas de: electrónica, informática e comunicacións), actuar de catalizador nas relacións entre persoas, organismos, institucións e empresas que teñen intereses e realizan actividades dentro do sector da defensa e a seguridade; e facilitar aos asociados unha permanente actualización das tecnoloxías para a defensa e a seguridade a través de actividades de formación, investigación e desenvolvemento.
En canto a Gradiant, para facérmonos unha idea, as liñas técnicas onde se amorearon un maior número de proxectos e actividades foron: subsistemas de comunicacións, videovixilancia intelixente, integridade e seguridade en gravacións de vídeo, seguridade documental, seguridade en contornas cloud e control de acceso biométrico. Cómpre dicir que arestora Gradiant está a traballar en 6 proxectos europeos, dos que cinco teñen unha estreita relación coa seguridade e a defensa, situándose así nunha plataforma excelente para manter estreito contacto coa actualidade dos devanditos sectores e para formar parte dun grupo de colaboración de empresas líderes en defensa e seguridade.
Gradiant xa forma parte da Fundación Círculo
Compartir Este Artigo
