O Consorcio da Zona Franca de Vigo vén de abrir a segunda convocatoria da aceleradora de empresas VíaVigo. O anuncio da apertura chega no intre en que dez empresas pertencentes á primeira quenda están xa a piques de rematar a súa estancia na devandita palestra para presentarase publicamente a unha rolda de posibles investidores privados. A segunda convocatoria comparte o espírito da primeira: do que se trata é de que conseguir que en Vigo nazan e se afiancen con éxito novos proxectos empresariais innovadores.
Dende esta semana e ata o vindeiro 10 de xullo, todos os nosos profesionais que teñan en mente unha idea de negocio das devanditas características (innovación, creatividade, alento tecnolóxico, potencial de medre, xeración de novas ideas e coñecemento) e que queiran pola en marcha, poden presentarse á segunda convocatoria da aceleradora de empresas e emprendedores VíaVigo. En xullo, de entre todas as propostas recibidas valoraranse ata 40 proxectos. Aqueles que pasen a primeira fase como pre-seleccionados iniciarán o seu camiño ao Startup day que se celebrará en setembro.
“Esta segunda convocatoria”, informa a Zona Franca, “vén avalada polo éxito e o recoñecemento alcanzado polo modelo de VíaVigo que se reflicte na calidade dos dez proxectos que chegaron á fase final da primeira convocatoria”. Nestes proxectos, o Consorcio, a través da súa sociedade de capital-risco, investiu 500.000 euros en capital-semente despois de valorar que detrás de cada un deles había “ideas moi ben maduradas e plans de empresa viables para pór no mercado cada un dos negocios”. Lembrar que tras esta iniciativa non só se atopa a Zona Franca, senón tamén os centros tecnolóxicos Aimen, ANFACO, Gradiant e CTAG, os Concellos de Vigo e Nigrán, a Universidade de Vigo, a Escola de Negocios Novacaixagalicia, XesGalicia, o Colexio de Xestores Administrativos e SOGARPO.
Nesta segunda convocatoria co Consorcio tamén colaborará a CRTVG, que promoverá a empresas e emprendedores cuxa actividade se centre no sector audiovisual.
Polo que atinxe ás 10 iniciativas da primeira quenda que xa están a piques de deixar atrás a fase de acubillo e maduración, son as seguintes: Bialactis (deseño e produción de ingredientes funcionais especialmente probióticos), CreAppCuentos (rede social e editor de contos personalizados), Dart (desenvolvemento e comercialización de detectores de radiación), EcoNene (plataforma de compravenda en liña de roupa para bebés), Gamifik (aplicación móbil con acceso web para manter no tempo a relación cos clientes en negocios retail), LámparasdeCarton (ecodeseño, produción e comercialización de lámpadas de cartón), MoNET (solución de control remoto e predición de pragas en cultivos a través de redes sen fíos), Multibreves.com (plataforma para a publicación de anuncios en 100 portais de xeito simultáneo), Sevennis (deseño, fabricación e venda de moda agrupando creadores freelance) e Wayhoy (canle de TV interactiva e personalizable baseada en contidos na nube mediante a conexión a un potente miniPC SmartTV por HDMI configurado e conectado a Internet por Wi-Fi).
Os nosos profesionais con ideas innovadoras xa poden presentalas a VíaVigo, que abre nova convocatoria (a segunda)
Compartir Este Artigo
