Hoxe abríase (a partir das 12 horas) o prazo de inscrición para o #InLugo14, un congreso de redes sociais no que participarán arredor de 30 profesionais no mundo do xornalismo, a tecnoloxía, o goberno aberto, a mercadotecnia liña ou a seguridade na Rede para avaliar os cambios de hábitos, mentalidades, xeitos de comunicación e estilos de vida que provoca Internet. Emporiso, dicir que este II Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo14 será de balde e para tódolos públicos, terá lugar no Pazo de San Marcos os días 6 e 7 de xuño, e poderanse conseguir as entradas na web do congreso ou na da deputación lucense. Engadir que o aforo é limitado a 200 persoas, polo que as entradas se formalizarán por rigorosa orde de inscrición.
O congreso contará con expertos e figuras relevantes da rede como:
· Ramón Lobo; xornalista, escritor, blogueiro e correspondente de guerra nos conflitos bélicos de Bosnia, Kosovo, Chechenia, Iraq, Afganistán, Serra Leona, Liberia ou Ruanda, que falará sobre o intenso intre que vive o xornalismo dixital.
· Carlos Fernández; community manager, responsable do éxito de @policia, o corpo de seguridade con máis seguidores en Twitter a nivel mundial (tras desbancar ao FBI).
· Pepo Jiménez; máis coñecido como @kurioso, responsable da plataforma que monitoriza os contidos da rede máis exitosos.
· Delia Rodríguez; redactora do Huffington Post, experta en internet e autora de Memecracia, onde relata o fenómeno dos memes e a súa influencia na sociedade.
· Efrén Vázquez; lucense que participou no concurso Master Chef, falará sobre a moda gastronómica e a influencia das redes sociais no sector.
· Clara Ávila; blogueira de referencia, galardoada co premio Bitácoras ao mellor blog tecnolóxico por La Chica del Facebook.
· Carlos Guadián; editor dende 2003 de K-Government, un dos blogs referenciais do Goberno Aberto.
· Cristina Juesas; asesora do proxecto do Goberno Aberto do Executivo Vasco, pioneiro en España.
· Paloma Abad; coordinadora do suplemento de moda, gastronomía ou tecnoloxía do País Semanal.
· Laura Pintos; redactora xefe de mujerhoy.com.
Xunto a eles, haberá representantes da blogosfera lucense, como Elio Laureano, Hugo Iglesias, Rubén Pérez, Santiago Martínez…., ata completar un cartel de case 30 poñentes, que contan con miles de seguidores nas redes sociais.
Para máis información sobre o #InLugo14 cómpre visitar a web do encontro ou a da Deputación de Lugo así como en Twitter @in_lugo e en Facebook.
Comeza a facer ruído o congreso de redes sociais #InLugo14
Compartir Este Artigo
