O vindeiro xoves día 5 o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai acoller unha cita de utilidade para as empresas galegas que estean á procura de apoios e incentivos para os seus proxectos de innovación. O encontro cos profesionais (galegos e tamén do norte de Portugal) será ás 10.00 horas. O evento vai dirixido sobre todo a responsables de produción, oficinas técnicas, enxeñarías, oficinas de Investigación e Desenvolvemento e empresarios de empresas de ámbalas beiras do Miño. O info day desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Oportunidades para o financiamento de experiencias innovadoras das PEME industriais da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal.
O obxectivo da xornada é polo tanto amosar en detalle as oportunidades orzamentarias para novas iniciativas postas en marcha por firmas galego-lusas ao abeiro do sétimo Programa Marco da Unión Europea e os novos servizos da plataforma CloudPEME, da que xa temos falado en detalle dende Código Cero salientando o seu potencial de aceleradora de compañías manufactureiras da dita Eurorrexión.
Ao longo da xornada presentarase as convocatorias dos proxectos europeos Fortissimo, CloudSME, Cloudflow e Lashare (dotadas con máis de 2,5 millóns de euros), e daranse a coñecer tamén os novos servizos da devandita plataforma CloudPEME para empresas, amais de amosar casos de éxito levados a cabo a través desta iniciativa-aceleradora. Os profesionais interesados en participar na cita poden formalizar a inscrición a través da web específica habilitada.
Programa da xornada
09:30 Rexistro asistentes.
10:00 Apertura da xornada CESGA
Javier García Tobío, Director CESGA
10:15 CloudPEME, cloud para empresas que innovan.
Andrés Gómez Tato, Aplicacións e Proxectos CESGA
10:35 Fortissimo. Experimentos sobre cloud Europeo. Oportunidades de financiamento.
Andrés Gómez Tato, Aplicacións e Proxectos CESGA
10:55 Presentación de CloudSME.
Rubén Vallés Pérez, Grid & Cloud Computing BIFI
11:15 Presentación do proxecto Cloudflow (por videoconferencia).
Nejc Bat, Arctur
11:35 Pausa café.
12:00 I4MS As tecnoloxías da información para as empresas no sector da fabricación: oportunidades para a PEME de participar en 7 proxectos piloto.
Carmen Polcaro, Asociación Innovalia
12:20 Presentación do proxecto Lashare.
Pablo Romero, AIMEN
12:40 CloudPEME e Open Innovation.
Nuno Araujo, CATIM
13:00 Caso de éxito de uso de simulación numérica en enxeñaría.
Rafael Suárez, INCAT
13:20 Caso práctico de Texas Controls.
Germán Rodríguez Novo, Texas Controls
13:40 Clausura da xornada.
O CESGA expón novas oportunidades de financiamento para a innovación das nosas PEME industriais
Compartir Este Artigo
