Telefónica vai xuntar forzas con Red Hat e Intel para dar forma aos alicerces dunha arquitectura común para os servizos de rede. Máis polo miúdo, do que se trata é de crear conxuntamente unha plataforma de xestión de infraestruturas de virtualización (VIM) baseada en software libre e con servidores estándar de Intel. Esta alianza intégrase na actividade do Laboratorio para NFV lanzado recentemente por Teléfonica. A idea básica do acordo é liberar a innovación e o seu contexto presente e futuro (un mundo cada vez máis dixital e dependente das redes) de boa parte dos atrancos xerados polas actuais redes de telecomunicación, “compostas por múltiples equipos hardware pechados”.
Co fin de deixar atrás este obstáculo, os integrantes do NFV Industry Specification Group (grupo integrado por unha fronte de compañías entre as que se atopan as devanditas) do ETSI (o Instituto de Estándares de Telecomunicacións Europeo), están a traballar arreo no artellamento dunha arquitectura común para os servizos de rede, baseados en hardware comercial de propósito xeral e en funcións de rede software que se executen sobre estes. “Esta nova maneira de abordar a arquitectura de redes”, informan as firmas integrantes da dita alianza, “pode axudar a reducir os custos operativos, promover a interoperabilidade e fornecer un ecosistema máis aberto de forma que os provedores de telecomunicación adapten e amplíen os seus servizos de rede dunha maneira máis sinxela”.
Neste laboratorio, Telefónica traballará xunto con Red Hat e Intel para crear unha solución baseada en estándares open source que axude a previr a fragmentación e as solucións pechadas da industria. Ao mesmo tempo, “manterase o nivel de rendemento e flexibilidade que os provedores de servizos de comunicación agardan das solucións baseadas en hardware propietario xa existentes”, explican.
O NFV Reference Lab basearase en tecnoloxías como o procesador Intel Xeon E5-2600 V2, os sistemas Linux Red Hat Entrerpise ou a plataforma Red Hat Enterprise Linux OpenStack, que, en palabras dos seus impulsores, “proporciona as ferramentas necesarias para xestionar un gran parque de hipervisores e máquinas virtuais dispersas”.
En virtude do acordo, Telefónica, Red Hat e Intel achegarán ao laboratorio recursos de enxeñaría e innovación para realizar probas de recursos, en colaboración aberta con outros socios e coa comunidade internacional de software libre, “para que estas tecnoloxías alcancen os niveis de rendemento e funcionalidade precisa para facer realidade a visión dunha Telecomunicación Dixital Aberta”, explican.
Telefónica, Red Hat e Intel unen forzas para apuntalar as telecomunicacións dixitais abertas
Compartir Este Artigo
