O grupo Sertelfin, con maioría de capital galego e centrado sobre todo no desenvolvemento e comercialización de software de xestión, trasladou a súa sede operativa e administrativa dende León a Ourense. Máis polo miúdo, ao Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). O proceso coincide no tempo coa posta en marcha de Sertelfin México, o pasado mes de abril, e máis coa presentación dunhas cifras referentes á actividade desta empresa que certifican claramente a súa tendencia á alza (de feito, tivo un incremento de facturación superior ao 80%, amais de ter acadado o ano pasado uns ingresos de 3,1 millóns de euros).
Polo tanto, o centro de actividades de Sertelfin está agora no Parque Tecnolóxico de Galicia, onde xa viña operando –desde a súa constitución en 2006– a empresa Conexiona, unha das tres que integran o holding xunto con Atrio Servicios Jurídicos e a acabada de crear Sertelfin México. Sobre o cambio de Castela por Galicia como principal, os responsables da empresa explican que “a nosa empresa practicamente non ten unha necesidade de situación física determinada, xa que aplicamos a modalidade de teletraballo”. De feito, para o traslado unicamente valorouse a integración co resto do grupo e dispoñer dun espazo común. Nuns días, engade a Tecnópole, a filial emprazada en México D.F. comezará a abordar este mercado e a poñer en marcha un plan de negocio para situar a empresa nun mínimo doutros tres países –Brasil, Perú e Chile– en dous anos.
O grupo Sertelfin empraza na Tecnópole de Ourense o seu núcleo principal
Compartir Este Artigo
