Finalmente celebrouse o congreso de TIC e redes sociais #InLugo 2014, da man da Deputación, e as cifras de participación e seguimento (presencial e en liña) semella que foron de abondo boas, tal e como sinalamos onte reflectindo informacións do organismo provincial. Ademais, tal e como se agardaba, resultou ser un foco de información salientable. Non só pola participación dun bo número de relatores de primeiro nivel (arredor dunha trintena), senón tamén por ter acollido unha entrega de premios que no concreto serviu para recoñecer o traballo ben feito dos profesionais da provincia de Lugo en materia TIC e no xeral funcionou como un novo xeito de promover as novas tecnoloxías nas nosas empresas. En total, distinguiuse a aposta polas TIC de catro profesionais lucenses.
O congreso, como dixemos, tivo unha extensión de dúas xornadas, a do venres e a do sábado 6 e 7 de xuño. Por certo que o encargado de clausurar o evento foi o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a través dun acto de peche que serviu tamén para entregar os premios cos que o organismo lucense quixo recoñecer as iniciativas, persoas e organizacións que máis salientasen este ano no bo uso de Internet, novas tecnoloxías en xeral e redes sociais. Entre o medio cento de candidaturas presentadas na edición deste ano, os 4 profesionais gañadores son os seguintes:
– Mi Pequeño Vestidor, na categoría de Comercio, Lecer e Restauración, “polo uso das novas tecnoloxías e as redes sociais para estar en contacto permanente e ofrecer un servizo continuo aos clientes da tenda, ademais de facer máis cómodas as compras, axeitadas as demanda e as necesidades do público”. A páxina de Facebook, que conta con 8.300 seguidores en soamente dous anos de vida, é unha ferramenta de promoción e venda, ó igual que a súa web.
– Karmah Yoga & Meditación na categoría de Educación e Formación, “porque usa as redes sociais e Internet como ferramenta esencial para o funcionamento do negocio”, informou a Deputación. Conta con máis de 3.600 seareiros en Facebook, Twitter, Google+ e Instagram, ademais de utilizar outras redes sociais como Menéame, Red Facilísimo e Pinterest. O seu blog rexistrou 250.000 visitas en tres anos.
– Cool Films Galicia, na categoría de Cultura e Social, “por botar man das novas tecnoloxías para a promoción das súas producións, cine feito en Lugo e na súa provincia con éxito de crítica e público”, explicaron fontes da organización de InLugo. Ademais, veñen de dar un chimpo ao ámbito internacional ao proxectarse en centros galegos de todo o mundo a súa longametraxe O Crime da Legua Dereita.
– Vamos a Vidas, na categoría de Tecnoloxía, en palabras da Deputación “un proxecto pioneiro e, ata hai un par de meses, único, que cobre un oco que existía na provincia: o da difusión de videoxogos”. En 2012 inauguraron a plataforma que pretenden se converta no referente da promoción deste tipo de produtos de lecer electrónico, cunha web actualizada con contido propio e varios vídeo-podcasts semanais.
A organización de InLugo distinguiu o traballo ben feito en materia TIC de catro profesionais da provincia
Compartir Este Artigo
