Unha vez máis, o colectivo galego de enxeñeiros en Informática celebra a súa festa anual, a súa Noite da Enxeñaría e Informática de Galicia. A cita será este venres 13 de xuño no Hotel-Monumento San Francisco. En palabras do Colexio, estamos ante o noso “evento máis representativo do sector TIC”. De feito, por unha banda servirá como punto de reunión e de intercambio de coñecemento para colexiadas e colexiados, empresarios do sector, profesionais do eido tecnolóxico-dixital e representantes das diferentes administracións con implicacións no ámbito TI; e por outra banda exercerá un ano máis de palestra “visibilizadora” do traballo tecnolóxico ben feito desenvolvido dende a nosa terra, acollendo a entrega de diversos recoñecementos.
E todo isto amenizado polo monologuista Rober Bodegas como mestre de cerimonias e adoptándose un formato de evento semellante ao das anteriores edicións: un cóctel de recepción dos asistentes, a entrega dos premios anuais e, a continuación, a cea de gala.
Porén, haberá novidades. Segundo informan fontes do CPEIG, malia a continuidade do formato, a organización está a traballar nun programa complementario á Noite, no que se inclúe unha conferencia de Francisco García Morán, conselleiro xefe en TIC da Comisión Europea, que terá lugar un día antes. O CPEIG agradece dende a súa web a colaboración dos patrocinadores da Noite da Enxeñaría en Informática que, sinala o colexio, “este ano baten marcas anteriores ata chegar a un total de 36 empresas ou institucións que apoian o evento do CPEIG”.
Patrocinadores Ouro: Altia, AMTEGA, Bahía, Emetel, Everis, Hewlett Packard (HP), Indra, Telefónica, R e Plexus.
Patrocinadores Prata: Acuntia, Atos, Avaya, Balidea, Cisco, Concello de Santiago, Coremain, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra, Ednom, Epson, Esri, Fortinet, Imatia, Inforhouse, Intel, Inycom, Kaspersky, Oesia, Oracle, Sdweb, Secretaría Xeral de Igualdade, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Tecnocom e Vodafone.
Polo que respecta aos Premios da Noite da Enxeñaría en Informática, cuxa entrega está prevista para a devandita celebración, quedarían do xeito que amosamos nestas páxinas.
Os premios desta edición
Premio Proxecto Fin de Carreira: Adrián Pérez Diéguez polo proxecto Programación de Algoritmos de Redución nunha GPU.
Premio Iniciativa da Administración: Axencia Galega de Innovación, polo fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico. Dentro das iniciativas postas en marcha pola axencia, destaca a elaboración da estratexia RIS3 en Galicia.
Premio Iniciativa Emprendedora: Torusware.
Torus Software Solutions (Torusware) é unha spin-off da Universidade da Coruña. Naceu para a comercialización dun conxunto de tecnoloxías desenvolvidas polo Grupo de Investigación de Arquitectura de Informática nos últimos 10 anos.
Premio Ada Byron: Bertha Guijarro Berdiñas, vicecoordinadora-responsable científica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
Premio Iniciativa Empresarial: Igalia.
Igalia naceu da man de dez enxeñeiros en Informática co obxectivo de crear unha empresa baseada na cooperación, a innovación, a responsabilidade compartida e o software libre. Na actualidade, a empresa ten un equipo de 40 persoas que traballan desde oficinas de diversas cidades de España e doutros países, como os Estados Unidos, Corea, Finlandia e Suíza, ofrecéndolle os seus servizos a clientes de todo o mundo.
Premio Traxectoria Profesional: Francisco García Morán.
Na actualidade é conselleiro xefe en TIC e foi director xeral de Informática da Comisión Europea. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid. A súa traxectoria comezou como profesor e enxeñeiro de Informática na Universidade de Sevilla. Despois de traballar durante varios anos no departamento de Informática do Ministerio de Educación e Ciencia e como responsable de diversos servizos informáticos na Xunta de Andalucía, incorporouse á Comisión Europea en 1986.
Premio e-Inclusión: TADEGa.
Asociación sen ánimo de lucro constituída por profesionais da educación galega que se centran na atención á diversidade: diversidade funcional, terceira idade, multiculturalidade, o rural, altas capacidades, marxinalidade social, etc. O CPEIG recoñece mediante este premio o traballo desenvolvido por TADEGa a prol da eliminación da fenda dixital que frea o desenvolvemento das persoas con diversidade funcional.
Colexiados de Honra: Domingo Molina e Jacinto Canales.
Domingo Molina Moscoso, é director de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) da Administración do Estado. Ademais de ser o responsable do recentemente publicado modelo de Gobernanza TIC, un dos eixos da estratexia dixital do Goberno, é un firme defensor da profesión de Enxeñeiro/a en Informática.
Jacinto Canales de Caso é presidente do Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática, máximo órgano de representación da profesión en España. Participou activamente na creación do tecido asociativo da Enxeñaría en Informática desde o ano 1993.
Mención especial para o CESGA polos seus 20 anos de traxectoria.
O Centro de Supercomputación de Galicia S.A. (CESGA) púxose en marcha en Santiago de Compostela no ano 1993, froito dun acordo entre a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Na súa sede, alberga o supercomputador FinisTerrae e desde a capital de Galicia participa no desenvolvemento dalgunhas das principais infraestruturas cibernéticas de investigación, achegando persoal e tecnoloxías clave á maior rede de cálculo distribuído do mundo, a European Grid Infrastructure.
