En 2008 púxose en marcha dende a nosa terra un deses espazos web cuxo nome fala perfectamente ás claras do contido que acubilla, nin máis nin menos. Falamos de Inédito, un caderno impulsado polo profesor de Belas Artes (campus de Pontevedra, Universidade de Vigo) Manuel Sendón e que se dirixe, como o seu propio nome indica ás claras, a acoller o nunca visto. Neste caso concreto, aquelas fotografías que ficaron fóra das canles tradicionais de publicación e exposición, alén dos perfís sociais dos seus autores nas redes sociais.
Esta é de feito a condición inicial que debe cumprir as obras que Manuel Sendón recolle nesta web. Dende o boletín da Universidade de Vigo veñen de facer un repaso dos máis de cinco anos de vida de Inédito.
Para comezar, saliéntase que moito do amosado no blog provén de estudantes da propia facultade pontevedresa. De feito, o espazo web en cuestión “naceu coa idea de establecer un diálogo entre artistas xa coñecidos e artistas emerxentes, prestándolle unha especial atención a estes últimos”. Así as cousas, non é de estrañar que unha parte importante das obras que se seleccionan sexan obras recentes que forman parte dos traballos de fin de grao dos alumnos, o que constitúe “unha prolongación dos proxectos xurdidos nas aulas”. O profesor, ao fío disto, explica que Inédito foi a primeira xanela a través da que se puideron contemplar “traballos que os seus autores e autoras publicaron cando estaban rematando a carreira e que despois tiveron unha interesante proxección, como o foi o caso de Xulia Aranda ou David Catá”. Sendón tamén salienta a “interesante traxectoria profesional que desenvolveron tras saír de Belas Artes outros dos fotógrafos que pasaron por Inédito, como é o caso de Fran Herbello ou Victoria Diehl”.
Tamén se nos lembra que a iniciativa xurdiu tamén como unha sección mensual do semanario A Nosa Terra. Trala desaparición desta publicación, Sendón optou por manter o proxecto exclusivamente na Rede, respectando as directrices e os obxectivos que o alentaron previamente. Hoxe en día, o blog xa amorea unhas 60.000 visitas.
O blog de fotografía Inédito chega ás 60.000 visitas
Compartir Este Artigo
