Varios servizos moi relevantes da Rede viviron hoxe unha xornada funesta, pois recibiron un importante ataque de denegación de servizo que fixo que Vimeo, Namecheap, Meetup, Evernote e outros funcionasen de xeito irregular, e forzando ao popular Feedly a cesar a súa actividade mentres toma medidas para poder reactivar o seu sistema de lectura de novas mediante subscrición.
Este ataque parece bastante grave, non só por afastar dos usuarios un servizo de grande éxito e de moita importancia para o traballo diario de moitos profesionais da información, senón polo feito de que os responsables do ataque pretendesen extorsionar aos responsables de Feedly, aos que achegaron unha demanda económica para cesar os seus ataques.
Dende Feedly non só están a realizar cambios na súa infraestrutura para restaurar o servizo, senón que tamén dan conta de que os datos dos seus usuarios non se viron comprometidos de ningún xeito, en contraste cos moitos ataques importantes que tiveron lugar nos últimos meses, que provocaron grandes molestias, por forzar a mudar contrasinais en moitos servizos e incluso pór en perigo información persoal que puidese facilitar a suplantación de identidade e fraudes económicos.
Feedly padece un importante ataque de denegación de servizo
Compartir Este Artigo

