Esta semana (días 9 e 10 de xuño) celebrouse en Santiago o Foro para a Calidade do Software, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración con AMTEGA. A cita, inaugurada pola directora deste departamento da Xunta, Mar Pereira, serviu entre outras para introducir aos asistentes nas metodoloxías actuais máis axeitadas para acadarmos o mellor traballo posible en materia de programación e desenvolvemento de software, e axeitadas tamén para acreditar e certificar ese traballo ben feito.
Na inauguración, Pereira salientou a importancia da calidade das ferramentas e servizos informáticos “para garantir a dispoñibilidade dos servizos que presta a Administración e evitar o impacto económico que implican os fallos dun software de baixa calidade”. Igualmente, destacou “a importancia da compatibilidade dos programas para facilitar a interoperabilidade de sistemas e aplicacións así como a súa reutilización por parte doutras Administracións públicas”. Ao fío disto, lembrou que a compatibilidade e o uso compartido de recursos TIC de toda índole entre institucións públicas “posibilita menores custes e evita a duplicidade de movementos”.
A maiores, o foro contou tamén coa presenza dun nutrido e destacado equipo de expertos en programación, metodoloxías eficaces e eficientes para o desenvolvemento de software e especialistas en acreditación. Por exemplo Javier Garzás (URCJ e Kybele Consulting), Enrique Sánchez (Medianet Software) ou David Gómez (Autentia). A clausura das actividades veu da man de Jacinto Canales, presidente do Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática e recentemente recoñecido polo CPEIG co Premio Colexiado de Honra (que se entrega este venres na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia).
No foro tratáronse a fondo cuestións como acreditacións ISO 9126, ISO 25000, débeda técnica, métricas, integración continua, axilidade, auditorías, externalización do desenvolvemento, etc. O obxectivo dos responsables do seminario foi o de “propor un marco de reunión, debate e divulgación para investigadores, empresas, universidades e profesionais interesados en aumentar o valor que achegan aos seus negocios, en base ao control e optimización da calidade dos produtos que o sustentan”.
O CPEIG amosou en Santiago as metodoloxías máis recentes para acadarmos mellor software
Compartir Este Artigo
