Os galegos somos os que máis usamos as redes sociais, aínda que logo isto non se reflicta nunha presenza significativa da nosa lingua. Segundo o máis recente informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, o 83,2% dos internautas galegos empregamos Facebook, constituíndose a nosa comunidade (a galega) como a de meirande número de membros dentro do contexto estatal do devandito servizo 2.0. Algo semellante, aínda que non con tanta intensidade acontece coas redes sociais Twitter, Google+, LinkedIn, Instagram e Tuenti.
Segundo se detalla no dito informe do Observatorio, un departamento de seguimento e análise do Consello da Cultura Galega, os usos máis importantes que lles extraemos ás comunidades 2.0 son, por unha banda, a comunicación con amigos e familiares, e pola outra, a procura de información sobre cuestións de actualidade.
O informe Cultura e novas tecnoloxías que acaba de amosar o Observatorio e que temos na web do CCG dispoñible para consulta, avalía en detalle “dous aspectos fundamentais relacionados coa denominada Sociedade da Información e tamén coa irrupción de Internet na sociedade actual”, informan os responsables da súa elaboración.
Por unha banda, e tendo como referente a Encuesta sobre Equipamiento y Uso de Tecnologías de Información y Comunicación en los Hogares elaborada anualmente polo Instituto Nacional de Estadística, analízase a implicación dos fogares galegos nas novas tecnoloxías, así como a evolución e desenvolvemento destas dende a súa introdución na vida cotiá dos galegos.
Por outra, e a través da enquisa realizada pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC), afóndase nas novas relacións xurdidas entre os internautas galegos e a Rede.
Os galegos estamos á fronte do Estado en emprego de redes sociais
Compartir Este Artigo
