
Participaron nesta xornada a directora da AMTEGA, Mar Pereira; a directora de Tecnoloxía de IBM España, Portugal, Grecia e Israel, Elisa Martín Garijo; e o Innovation Leader de Telefónica España, Juan Cambeiro Cuns, estando conducido o acto polo webmaster de Código Cero, Marcus Fernández.
A innovación empresarial, presente nos cambios sociais
Todos os participantes coincidiron na importancia que a innovación que se leva a cabo no sector empresarial repercute de xeito positivo sobre a sociedade. Eidos tan diferentes como o traballo, a educación ou a saúde se viron favorecidos pola innovación e na actualidade resulta imposible concibir unha empresa de éxito que non teña a innovación como eixe sobre o que xire o seu modelo de negocio.
Mar Pereira Álvarez valorou positivamente iniciativas como XEMTE, na que se mostra aos alumnos como a innovación aplicada aos diferentes ámbitos das empresas permite aumentar a competitividade e a produtividade. A directora da AMTEGA indicou que “os profesionais do sector tecnolóxico integran un colectivo orientado a desenvolver a transformación dos sectores produtivos”. Para a responsable da área TIC da Xunta a integración da tecnoloxía nas empresas e nas Administracións públicas “outórgalle a estes profesionais un papel clave, tanto na modernización e evolución dos modelos de negocio coma na prestación de novos servizos públicos”.
Pereira non esqueceu destacar o valor do Programa TransformaTIC, iniciativa impulsada pola Xunta, en colaboración coas as tres universidades galegas, os centros tecnolóxicos dedicados ás tecnoloxías da información e a comunicación, e as empresas do Clúster TIC para aliñar os esforzos públicos e privados para fomentar o emprendemento dixital, a transferencia da innovación ao mercado e o fortalecemento do sector tecnolóxico galego.
Elisa Martín Garijo, directora de Tecnoloxía de IBM España, Portugal, Grecia e Israel, analizou como o desenvolvemento da computación, facendo aínda máis real a intelixencia artificial, pode provocar nuns anos os maiores avances na medicina, a alta cociña, a industria téxtil, ou mesmo, a agricultura. “Estamos vivindo unha nova era da computación, na que afrontamos o gran reto de poder converter os grandes volumes de datos en información de valor para as persoas e as organizacións. Nesta etapa a tecnoloxía cognitiva desempeña un papel fundamental, xa que ten a capacidade de interpretar a linguaxe natural dos seres humanos, aprender das experiencias previas e seleccionar a mellor decisión ou opción para dar resposta a un problema determinado”
Pola súa banda, Juan Cambeiro Cuns, Innovation Leader de Telefónica España destacou que unha das cousas máis difíciles que hai cando un dá o salto á innovación, é a necesidade de cambiar o noso modo de pensar e de tomar decisións. “Por suposto que as ideas novas teñen fallos doados de detectar, pero dende unha óptica de innovación, o esencial é preguntarse: Trae algo novo? Ten aspectos positivos? Que problemas nos solucionaría esta idea se fose realizable? E despois de analizar todo o potencial desta, entón dedicarse a descubrir como superar os problemas. Se se inverte a orde, o procedemento non funciona. O mundo da innovación necesita diversidade. Poñer en contacto áreas de moi diversa índole e grupos multidisciplinares, aínda que non teñan relación entre si. Ademais, necesítase unha mentalidade aberta”, formularse o statu quo, preguntarnos se o que facemos ten sentido, as novas formas que existen de facer o que facemos, e sobre todo, non o ter medo ao fracaso”.
