O terceiro encontro anual da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, DivulgACCIÓN, será celebrado o vindeiro sábado 14 de xuño no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña. O encontro -que dará comezo ás 11 horas- persegue intercambiar experiencias e boas prácticas no eido da divulgación científica en Galicia. A novidade desta edición é a posibilidade aos socios de presentar proxectos ou experiencias propias (5 experiencias). Para pechar, de 13.30 a 14.30h, terá lugar o relatorio convidado a cargo do director técnico da Casa das Ciencias, Marcos Pérez, arredor do desafío do vídeo inmersivo aplicado a programas de planetario dixital. O evento é de balde e está aberto ao público xeral.
Máis polo miúdo, no primeiro bloque da xornada exporanse tres experiencias no ámbito da divulgación científica en Galicia. Marián Freire (profesora de Bioquímica e Bioloxía Molecular da UDC) exporá a súa experiencia de divulgación científica con alumnos universitarios. Rubén Fernández falará da asociación Bricolabs, conformada por un grupo de persoas con inquietudes relacionadas coa electrónica e o hardware libre e Roberto Agis-Balboa (investigador do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo) falará sobre a epixenética en doenzas neurodexenerativas e de como se debe comunicar. Tamén se presentarán os portais web Gciencia e 4gotas. Pablo López (redactor e promotor de Gciencia), presentará esta web de información e divulgación científica e Carlos Balseiro (meteorólogo e impulsor do proxecto 4gotas), falará desta web de información e servizos relacionados coa meteoroloxía. A xeito de peche, o director técnico da Casa das Ciencias, Marcos Pérez, impartirá unha conferencia arredor do tema “π-360º, o desafío do vídeo inmersivo para programas de planetario dixital”. Para máis información cómpre acceder ao programa do evento.
DivulgACCIÓN reúnese este sábado na procura da excelencia na divulgación científica galega
Compartir Este Artigo
