Andrés Gómez, administrador de Aplicacións e Proxectos no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), vén de sacar do prelo o libro La computación competitiva, unha obra na que afonda na computación de altas prestacións ou HPC desde a perspectiva do seu emprego para a innovación empresarial. Deste xeito, informa o CESGA, o autor fai un percorrido polo presente (e o futuro inmediato) dun “ámbito dinámico e en perpetuo incremento de capacidades e aplicacións”.
Ademais, Gómez salienta “a súa importancia decisiva para que a contorna empresarial saque o máximo rendemento á HPC e as empresas poidan competir computando” e explora as potencialidades e implicacións da computación na nube e da computación de altas prestacións para responder á demanda crecente de recursos de cálculo intensivo que precisan servizos como Infrastructure-as-a-Service (IaaS), Platform-as-a-Service (PaaS) e Software-as-a-Service (SaaS). A maiores, o autor afonda nas oportunidades que abren estes recursos de computación HPC para a Investigación e o Desenvolvemento, non só das grandes organizacións senón tamén da PEME.
Segundo engade o CESGA a respecto dos lectores potenciais da obra, esta cobre un amplo abano de destinatarios, por unha banda os investigadores e profesionais xa iniciados no ámbito da computación, para os que o libro pode “supor unha actualización das últimas novidades no eido do científico-técnico, amais da posibilidade de aproximarse ás súas novas e revolucionarias aplicacións”. Para o non iniciados, supón un achegamento sinxelo e doado de comprender que lles permitirá identificar oportunidades de aplicación nos seus negocios. O libro pode adquirirse en formato físico na plataforma Bubok.
Andrés Gómez (CESGA) afonda nun libro nas potencialidades da computación de altas prestacións nas empresas
Compartir Este Artigo

