A Axencia Tributaria de Galicia, ATRIGA, informa da posta en funcionamento dun novo sistema de xestión de colas nas delegacións de seu, orientado a axilizar e optimizar a atención aos cidadáns ao tempo que se reducen os tempos de espera e se suprimen as ringleiras físicas. O sistema tecnolóxico está xa operativo en Lugo e Ourense e estenderase nas vindeiras semanas ás outras tres delegacións da Axencia Tributaria de Galicia: A Coruña, Pontevedra e Vigo.
O servizo, unha achega inserida no eido da eAdministración, servirá en palabras de Facenda para “orientar e dirixir de xeito correcto aos cidadáns ao punto de información que lles corresponde e en función do tipo de actuación que precisen”. Facenda explica tamén que a posta en marcha deste sistema unificado establece tamén a inclusión de cartelería electrónica e a mensaxería instantánea.
Por outra banda, a Axencia Tributaria de Galicia tamén informou que está a potenciar a Oficina Virtual Tributaria (OVT) para “facilitar a todos os contribuíntes o cumprimento das súas obrigas, ao tempo que se achega un importante aforro para os cidadáns e tamén para a Administracións”. Ao fío disto, ATRIGA lembrou que no pasado exercicio a oficina virtual rexistrou 670.000 accesos a través de Internet, “o que supón un incremento de máis do 30% respecto ao 2009”, salientou. Asemade, fixo saber que a día de hoxe “seis de cada 10 autoliquidacións realízanse por vía telemática, un instrumento que representa un aforro duns 75 euros por trámite e que está dispoñible para a totalidade dos impostos”.
En marcha un novo sistema de eAdministración para axilizar a atención na Axencia Tributaria
Compartir Este Artigo
