A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra hoxe a VII edición do Día do Científico Galego, dedicado este ano ao naturalista Luis Iglesias, cun programa de actividades que inclúe a celebración de varios espectáculos didácticos dirixidos a grupos escolares e un acto académico aberto ao público.
Ao longo da mañá terán lugar dous obradoiros-espectáculo nos que, a través de experimentos divertidos e didácticos, se dará a coñecer o legado do homenaxeado. Estas sesións divulgativas, deseñadas especificamente pola Fundación Barrié para a ocasión, celebraranse na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que Luis Iglesias desenvolveu boa parte do seu labor docente e investigador.
Alí tamén terá lugar, ás sete da tarde, o acto académico para homenaxear a figura de Luis Iglesias, presidido polo presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. O evento, de carácter público, incluirá unha semblanza persoal a cargo de Manuel Bermejo, catedrático de Química Inorgánica da USC. Ademais, Victoriano Urgorri, catedrático de Zooloxía da USC e director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, impartirá unha conferencia sobre o museo que leva o nome do homenaxeado.
Ademais, o Concello de Santiago, que vén de acondicionar o parque de San Roque como Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal e nos seus bancos colocou placas alusivas aos científicos galegos recoñecidos pola RAGC, instalará mañá a correspondente a Luis Iglesias.
Tamén darase a coñecer o nome do gañador do preguntoiro científico en liña sobre a figura de Luis Iglesias que a Fundación Barrié puxo en marcha na súa web. Ademais, durante as vindeiras semanas será distribuída nos centros escolares de toda Galicia a unidade didáctica elaboradas por expertos sobre a figura e o legado do naturalista galego.
Hoxe celébrase o Día do Científico Galego
Compartir Este Artigo
