
A novidade desta edición radicou precisamente na parte comunicadora do evento, segundo informan fontes da plataforma. Esta vertente divulgativa correu a cargo dos propios socios da AGC CCT, que presentaron diversos proxectos ou experiencias propias. A entrada a estas sesións de relatorios foi libre para o público xeral.
Marián Freire, profesora de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade da Coruña (UDC), expuxo a súa experiencia de divulgación científica con alumnos universitarios. Rubén Fernández presentou a asociación Bricolabs, conformada por un grupo de persoas con inquietudes relacionadas coa electrónica e o hardware libre que se reúnen de xeito periódico para intercambiar coñecemento e emprender proxectos tecnolóxicos.
Roberto Agis-Balboa, investigador do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo (UVigo), falou sobre a epixenética en doenzas neurodexenerativas e como se debe comunicar. Pablo López, redactor e promotor de GCiencia, presentou esta web de información e divulgación científica.
Pola súa parte, Carlos Balseiro, meteorólogo e impulsor do proxecto 4gotas, fixo o propio co respectivo portal de información e servizos relacionados coa meteoroloxía.
Para clausurar o encontro, o director técnico da Casa das Ciencias, Marcos Pérez, impartiu unha conferencia arredor do tema π-360o, o desafío do vídeo inmersivo para programas de planetario dixital.
Os integrantes de DivulgACCIÓN amosaron os seus proxectos innovadores na súa xuntanza anual
Compartir Este Artigo
