Mañá, mércores 18 de xuño, terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo un seminario sobre Goberno aberto na provincia de Lugo. O programa comezará ás 10.30 coa conferencia de Carles Ramió Matas, da Universitat Pompeu Fabra, falando da transparencia e o goberno aberto na xestión pública local e continuará da man de Agustí Cerrillo i Martínez, da UOC, abranguendo a situación actual e perspectivas de futuro do goberno electrónico.
A partir das 13.00 horas, o docente da Universidade de Bath (Reino Unido) Manuel Souto Otero proporá unha reflexión sobre a incidencia das acción de goberno electrónico nas políticas educativas. Ás 16.30 horas, Victoria Alsina Burgués, da Universitat Pompeu Fabra, presentará o relatorio Educación aberta e plataformas educativas en Internet. Esta primeira xornada completarase coa celebración dunha mesa redonda adicada ao eLearning e futuro do ensino superior, na que intervirán Pablo Muñoz Carril e Celestino García Ares, da USC, e Roser Beneito Montagut, da Cardiff University e da UOC.
Cómpre dicir que este seminario está organizado polo grupo de Investigación Social e Políticas Públicas da USC (ISOPOLIS) xunto coa Deputación de Lugo de cara a tratar a incidencia das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) na acción de goberno e a posta en marcha de políticas de goberno aberto encamiñadas á mellora do benestar da cidadanía. Esta acción formativa fará fincapé no desenvolvemento do e-Goberno no eido local e na xeración de proxectos de cidades intelixentes e socialmente responsables en termos de compromiso, transparencia e edificación dunha cidadanía implicada na acción das administracións locais.
O evento -dirixido polo vicedecano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Ramón Bouzas Lorenzo- contará coa presenza de destacados expertos en xestión pública, goberno aberto e novas tecnoloxías. O seu obxectivo será a creación dun espazo para o achegamento e o debate entre responsables políticos, cidadáns e empregados públicos arredor do fenómeno da difusión das TIC dos gobernos e a cidadanía, atendendo especialmente ao eido local.
Senlleiros especialistas en xestión pública abordarán aspectos como a participación cidadá como ferramenta fundamental dos gobernos intelixentes, as posibilidades que achegan as novas tecnoloxías para a mellora da xestión dos servizos públicos ou as smart cities, as cidades intelixentes e socialmente innovadoras.
As TIC para mellorar o goberno das cidades, eixo dun seminario en Lugo
Compartir Este Artigo
