
En liñas xerais e ao fío da devandita fronteira, do que se trata é de sermos quen de analizar a gran cantidade de millóns de datos que se xeran dende un ámbito concreto da investigación “para transformalos en información útil para a sociedade e en tempo real”, explican fontes de HP. Esta nova capacidade de análise, engade a multinacional, confire unha oportunidade de inventar e investigar novos métodos e algoritmos capaces de detectar configuracións ou correlacións útiles presentes en grandes volumes de datos. Segundo engade a compañía, a nosa terra está plenamente inserida neste proceso da man (precisamente) de HP. Un proceso que, por outra banda, está cada vez máis democratizado, como demostra o feito de que a compañía veña de lanzar recentemente diferentes exemplos de supercomputadores de índole comercial a través da gama HP Apollo, unha manobra que, en palabras da empresa, “diríxese a converter os esforzos de investigación e desenvolvemento nunha vantaxe competitiva”. De feito e para facérmonos unha idea do que abrolla da familia Apollo de sistemas HPC, dicir que os equipos da gama son quen de transformar ata catro veces o rendemento dos servidores estándar de rack usando menos espazo e enerxía de computación de alto rendemento.
HP como provedor tecnolóxico
Como dixemos, a filosofía de Hewlett Packard baséase en boa medida en xuntar forzas cos investigadores e cos centros de I+D para achegar recursos de seu e abordar novos xeitos e novas respostas no manexo de grandes volumes de datos. De aí xorde o traballo despregado con entidades como o Centro de Supercomputación Galicia (CESGA) ou os centros de tecnolóxicos e de investigación das universidades, por exemplo o CiTIUS no caso da Universidade de Santiago. HP tamén salienta o labor das áreas de investigación tecnolóxica da Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, do operador público Retegal e de institutos tecnolóxicos como Gradiant. Este tecido de impulsores e renovadores da I+D comparte unha necesidade común: a de extraer o útil, o miolo (configuracións, correlacións) da análise de grandes volumes de coñecemento.
A xuízo de HP, está claro que “avaliar máis información en menos tempo pode axudar a tomar mellores e máis rápidas decisións en sectores como o financeiro, a saúde e a investigación, con todos os beneficios e vantaxes que todo iso implica para a sociedade da nosa contorna”. Segundo informa a multinacional, esta tense apoiado e ten colaborado cos devanditos centros en diversas iniciativas, como de formación e investigación, “e entre todos eles fomos quen de atopar claros exemplos de axuda ao desenvolvemento da nosa sociedade en diferentes áreas”. Por exemplo o proxecto CENTINEL, no que colaboran o CESGA e Gradiant, entre outros, e que se encamiña a dotar de intelixencia aos edificios; ou o proxecto que Gradiant ten entre mans para o procesamento de datos xenéticos destinado a detectar, previr e tratar as doenzas raras (un proxecto do que falamos recentemente en Código Cero); ou tamén CloudPEME, onde o CESGA contribúe a incrementar o potencial competitivo das nosas empresas a través da innovación baseada en ferramentas TIC e cloud.

Por outra banda, a nivel empresarial Hewlett Packard destaca iniciativas acabadas de xurdir do ámbito TIC e con claro potencial de proxección, é o caso da spin-off da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Torus Software Solutions, adicada a materializar solucións de software de comunicacións ultrarrápido que permiten acelerar aplicacións en contornas onde o rendemento é crítico. HP tamén salienta a imparable carreira de éxitos e recoñecementos de Torus.
Sinalar por último que amais da tecnoloxía e a colaboración de HP nestes centros, a multinacional conta tamén cun gran número de profesionais TIC en Galicia traballando e colaborando con organismos de Xunta de Galicia, para facer máis eficiente, por exemplo, o servizo sanitario galego (co seu centro de Business Inteligent en Santiago) ou parte do tecido e actividade administrativa na Consellería de Presidencia.
HP refórzase como un dos provedores TIC con máis presenza en Galicia
Compartir Este Artigo
