O Consorcio da Zona Franca de Vigo lembrounos esta semana que segue aberto o prazo de presentación de ideas para a segunda convocatoria de ViaVigo, a súa aceleradora de empresas e emprendedores do ámbito da innovación e a tecnoloxía. Máis polo miúdo, o prazo estará aberto ata o 10 de xullo, e na convocatoria poden participar todas aquelas persoas que teñan unha idea de negocio e queiran poñela en marcha cos mellores recursos ao seu dispor. De entre tódalas propostas recibidas, informa a Zona Franca, valoraranse ata 40 proxectos. Aqueles que pasen a primeira fase como pre-seleccionados iniciarán o seu camiño ao Start-up Day, que se se celebra en setembro.
Como lembraremos, VíaVígo, a través dun programa de aceleración para o desenvolvemento, achega soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas. Máis polo miúdo, fornece capital semente, formación a través dunha rede de adestramento, infraestruturas e asesoramento intensivo. “A nosa arela”, informan fontes da Zona Franca de Vigo, “é ver como as grandes ideas dos emprendedores galegos acadan o seu mercado e convértense en negocios de éxito”. O obxectivo último é acompañar aos responsables dos diferentes proxectos propostos na maduración, financiamento e posta en marcha destas ideas.
Vía Vigo, que ten a súa sede nas instalacións do Centro de Negocios e Iniciativas Empresariais en Porto do Molle (Nigrán), seleccionou na súa primeira edición as seguintes vinte propostas para a súa fase formativa: Bialactis (deseño e produción de ingredientes funcionais especialmente probióticos), Citas de Saúde (desenvolvemento de software de citación na nube), Connectors (ponte de acceso bidireccional entre Reino Unido e España dirixido a demandantes de oportunidades laborais ou formativas), CreAppCuentos (rede social e editor de contos personalizados), Dart (desenvolvemento e comercialización de detectores de radiación), dFlow (ferramenta web para a xestión en cooperación de proxectos audiovisuais), EcoNene (plataforma de compravenda en liña de roupa para bebés), ePocketGuide (guía de viaxes para teléfonos intelixentes), FruitNeeds (desenvolvemento de zumes a partir de froitas frescas), Gamifik (aplicación móbil con acceso web para manter no tempo a relación cos clientes en negocios retail), IceeU (servizo na nube de medición por vídeo en tempo real do perfil demográfico dun negocio), LámparasdeCarton (ecodeseño, produción e comercialización de lámpadas de cartón), Like This! (aplicación de móbil que permite a identificación dun artigo de moda a partir dunha foto ou un vídeo, para logo buscalo nas redes e adquirilo), MoNET (solución de control remoto e predición de pragas en cultivos a través de redes sen fíos) Multibreves.com (plataforma para a publicación de anuncios en 100 portais de xeito simultáneo), ParkApp.es (aplicación multiplataforma para a procura, acceso e pago dende o móbil en aparcamentos e parquímetros mediante tecnoloxía QR), Postrum (solución para o seguimento e localización de activos en todo tipo de contornas, interiores e exteriores), Sevennis (deseño, fabricación e venda de moda agrupando creadores freelance), Use Feeling (aplicación con notificación vía móbil de propostas de lecer e cultura personalizadas que se axustan ao perfil de cada usuario) e Wayhoy (canle de TV interactiva e personalizable baseada en contidos na nube mediante a conexión a un potente miniPC SmartTV por HDMI configurado e conectado a Internet por Wi-Fi).
A Zona Franca anima aos nosos innovadores a participar na segunda edición de VíaVigo
Compartir Este Artigo
