
Lembrar que a investigación que derivou neste importante achado en materia de seguridade levouse a cabo en colaboración con especialistas das universidades de Toronto e Xenebra e a operadora xaponesa de telecomunicacións NTT, empresa que amosou xa o seu interese en levalo á práctica e que se suma a outras organizacións que fixeron saber tamén a súa disposición a integrar o sistema (o caso de Toshiba). Con todo, o achado aínda non está dispoñible para o público en xeral, e esta universalización do servizo “depende de moitos factores”, subliña Curty, algúns deles, se cadra os máis importantes, de índole económico e comercial. A previsión é distribuílo no mercado nun prazo que oscila entre os cinco e os dez anos.
O investigador vigués sinala ante o departamento de comunicación da UVigo que “na actualidade acostuman empregarse métodos criptográficos clásicos de clave pública, sistemas que basean a súa seguridade en suposicións non probadas sobre complexidade computacional e son, por tanto, vulnerables fronte á nosa capacidade de cálculo”. Para Curty, “este é o principal motivo de que estas técnicas non sexan plenamente seguras”. Porén, os resultados da investigación na que participa AtlantTIC botan por terra esta “imposibilidade”.
Co fin de botar luz sobre o funcionamento e o alcance do sistema de encriptado, Curty bota man do exemplo do deseño dun automóbil: “Ti podes deseñalo para que funcione 300.000 quilómetros sen necesidade de ir ao taller, pero si durante a súa construción un dos operarios emprega por erro un carburador defectuoso, probablemente o coche terá que ir ao taller moito antes, pois no eido da criptografía a situación é moi semellante”. Ao seu xuízo, “pódense crear sistemas que sobre o papel son plenamente seguros, pero si ao construílos non tes moito coidado e consegues garantir que todos os dispositivos do mesmo se comportan como deberían, pódense dar problemas de seguridade”. Co novo sistema desenvolvido por Curty, “sería como poder garantir que o coche funcionara correctamente os 300.000 quilómetros sen necesidade de ir ao taller aínda que varios dos seus dispositivos fosen deseñados incorrectamente e o operario que os construíu non tivese os coñecementos axeitados”.
As multinacionais amosan interese no sistema de AtlantTIC que garante seguridade absoluta nas comunicacións
Compartir Este Artigo
