Xogar e aprender coa tecnoloxía, este podería ser o subtítulo do curso de verán Ensinar ciencias con xoguetes interactivos, que ao longo deste mes se imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Unha aposta para que os máis pequenos tiren proveito dos avances das novas tecnoloxías de cara o labor docente. Para iso, nesta actividade deseñaranse e construiranse unha serie de xoguetes interactivos amais de analizar os seus posibles usos didácticos coa idea de levar o ensino ao século XXI.
Detrás deste obradoiro atópanse a profesora María Álvarez Lires, directora xunto con Francisco Serrallé deste curso que tenta achegar ao alumnado dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria as novas posibilidades que existen hoxe en día para ensinar ciencias aos máis novos. Deste xeito, entre os contidos dunha actividade formativa que forma parte do programa de cursos de verán da Vicerreitoría do campus de Pontevedra figura tanto a construción de robots ou de pequenas máquinas coma unha presentación de como é o funcionamento dun encerado dixital.
E indo ao miolo desta actividade de carácter práctico, 15 alumnos e alumnas traballan en grupos no deseño das súas propias propostas didácticas, partindo da construción dunha serie de xoguetes (dende un animal interactivo, unha nora ou un muíño de vento, ata un pequeno robot manexado cunha aplicación para o móbil).
Emporiso, o verdadeiro obxectivo deste obradoiro é que os asistentes “aprendan a empregar os xoguetes interactivos didacticamente nas aulas”. Engadir, por último, que coa idea de achegar ao profesorado unha serie de recursos accesibles, este encontro ten como base a gama de xoguetes educativos da marca Lego (a gama de produtos WeDo, a gama e-Lab e a serie Mindstorms).
O campus de Pontevedra acolle un obradoiro para ensinar ciencia con xoguetes interactivos
Compartir Este Artigo
