
Este programa de reunións, dixo, desenvolveuse coa Administración galega, as tres universidades, os nosos centros tecnolóxicos, un bo número de empresas e entidades privadas e, tamén, de clústers europeos. Rodríguez del Corral tamén amosou os detalles do novo sistema de bonificación nas cotas, das que xa se poden beneficiar “os socios que contribúan á xeración de recursos para o Clúster”.
No eido da colaboración empresarial e cos centros de coñecemento, lembrouse aos socios que o clúster traballa a día de hoxe no impulso a grandes proxectos aliñados coa estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) e co programa marco de investigación e innovación da Unión Europea Horizonte 2020. Asemade, salientouse que para potenciar a colaboración entre empresas de diferente tamaño, creáronse os selos Empresa tractora e Proxecto colaborativo.
No ámbito da internacionalización, del Corral indicou que tendo como base o mapa de presenza no exterior das empresas do clúster (deseñado pola propia organización), estase a definir unha fórmula de cooperación entre as firmas que dispoñen de produto e aquelas que teñen estrutura comercial no estranxeiro, de xeito que aquelas poidan acceder a novos mercados. No que ten que ver co apoio aos emprendedores e aos proxectos empresariais incipientes, trabállase en colaboración coa Administración galega para a potenciación de ferramentas de capital risco.
A xuntanza serviu tamén para aprobar a incorporación de Indra e Syntheractive como novos socios. Trátase dunha gran empresa multinacional con infraestrutura en Galicia (Indra) e dunha iniciativa incipiente (Syntheractive), de xeito que a súa entrada na asociación “vén demostrar a capacidade da organización para ofrecer un espacio de colaboración a firmas de moi diferentes características dentro do ámbito das TIC”, informouse durante a asemblea xeral.
Como lembraremos, Indra é unha multinacional de consultoría e tecnoloxía con especial protagonismo España e Latinoamérica. Ofrece solucións e servizos tecnolóxicos para os sectores de transporte e tráfico, enerxía e industria, administración pública e sanidade, servizos financeiros, seguridade e defensa, e tamén o de telecomunicacións. Está presente en 138 países e conta cun volume de ventas de 3.000 millóns de euros e un equipo de 43.000 profesionais. O seu investimento en I+D ascende a 195 por millóns de euros.
Pola súa parte, Syntheractive ten a súa orixe na Universidade da Coruña. Trátase, segundo nos conta o Clúster TIC, dunha start-up de alta tecnoloxía fundada por un grupo de investigadores en multimedia, streaming, computación distribuída e computer graphics que ten desenvolvido unha plataforma para a distribución de canles de televisión interactiva baseada en vídeo sintético.
O Clúster TIC Galicia aposta polo afianzamento do noso sector no exterior e o apoio a novas iniciativas
Compartir Este Artigo
