Google leva moitos anos tentando á sorte no mundo das redes sociais, con pouca fortuna, e a súa primeira iniciativa neste eido, Orkut, está a piques de dicir adeus tras 10 anos en funcionamento. Esta iniciativa naceu do traballo de desenvolvedores de Google que crearon unha tecnoloxía para enlazar persoas baseándose nas súas conexións sociais, e aínda que non conseguiu relevancia global, foi todo un fenómeno na India e Brasil, de xeito que en 2008 mudou as súas operacións á cidade de Belo Horizonte (Brasil), pero ante o estancamento desta plataforma hoxe decidiron anunciar que durante xullo xa non permitirían novas altas no servizo que pechará definitivamente o 30 de setembro.
Actualmente Google ten outros proxectos sociais, como Google+, ao que instan aos usuarios a mudar (de feito, os álbums fotográficos de Orkut poderán exportarse directamente a Google+ ata o 30 de setembro), á vez que tamén facilitan que os usuarios actuais poidan facer uso de Google Takeout ata setembro de 2016 para poder rescatar toda a súa información publicada a través de Orkut (como as anotacións e as fotografías).
O peche de servizos pouco produtivos é algo ao que Google está a realizar con moita frecuencia nos últimos anos, xa que non consideran axeitado manter servizos cun reducido nivel de uso, facilitando que a súa forza de traballo se centre alí onde teñen realmente éxito, de aí que sexa normal que fagan limpa un par de veces ao ano, aínda que nesta ocasión programaron o pechamento de Orkut de xeito independente, posiblemente pola magnitude deste servizo (que aínda que conte con poucos usuarios activos, ten un importante volume de datos persoais nos seus servidores).
Google prepara o peche definitivo de Orkut
Compartir Este Artigo

