Será neste mes de xullo, os días 9 e 10, cando teña lugar na Cidade da Cultura o seminario Axenda Dixital Europea e Redes Transeuropeas, un encontro de acceso libre organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración con AMTEGA. Cómpre dicir que o dito seminario achegará unha panorámica xeral das políticas dixitais dende o punto de vista da UE, de España e de Galicia. Varios especialistas internacionais, do eido español e galego incidirán na importancia da interoperabilidade coma un requisito necesario para a interconexión dos sistemas informáticos a nivel da Unión Europea.
Mediante exemplos concretos de sistemas informáticos ilustrarán e afondarán nesa interoporabilidade. Así mesmo, presentarán as estratexias europeas en computación na nube e licitación electrónica. As dúas xornadas do encontro terán lugar no Salón 103 do Edificio Cinc da compostelá Cidade da Cultura de Galicia.
O evento constará de presentacións curtas (uns 30 minutos de duración), seguidas por un debate entre relatores e asistentes. A xornada do día 9 e de mañá e tarde, namentres que a do día 10 só ten horario matutino.
O seminario Axenda Dixital Europea e Redes Transeuropeas. Perspectivas da UE, nacional e autonómica está coordinado por Francisco García Morán, conselleiro xefe en TIC e ex director xeral de Informática da Comisión Europea e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo.
Para máis información sobre este seminario cómpre acceder ao programa do mesmo en formato pdf.
O CPEIG achega un seminario global sobre as políticas dixitais da UE, España e Galicia
Compartir Este Artigo

