Gradiant vén de dar conta dos últimos achados en materia de sistemas de recomendación e saúde, dous conceptos que máis condenados a entenderse estaba claro que levan interactuando e achegando interesantes posibilidades de colaboración dende a aparición dos primeiros. Estes sistemas, para que non o saiba, son tecnoloxías en claro proceso de proxección, sobre todo grazas a uns provedores de contidos cada vez máis potentes á hora de amorear información acerca dos seus usuarios. Ou sexa, que son os sistemas que nas novas tecnoloxías teñen o mesmo cometido que eses compañeiros aos que sempre lles pedimos consellos para ver un filme, ler un libro ou mercar un artigo. Por certo que adoitan basearse na técnica do filtrado colaborativo.
O filtrado colaborativo, como o seu propio nome indica, separa o gran da palla en materia de coñecemento e é quen de facelo botando man da axuda da colectividade de usuarios e compradores que tiveron o bo tino de dar a súa opinión sobre algo que usaron e mercaron, botándolle unha man a quen vaia vir detrás. Pois ben, segundo nos conta o investigador Jesús Manzanares de Gradiant, todos estes elementos teñen un gran potencial no ámbito da saúde. De feito, a incorporación de fontes de datos obxectivos de orixe médica a este tecido de ferramentas de recomendación é a todas luces un reto para o escenario da eSaúde. Ao fío disto, o centro tecnolóxico galego entende que a información de valor xerada de maneira colectiva pode axudar, e moito, a acadar mellor atención sanitaria e tratamentos. Máis polo miúdo, o emprego da información clínica dos pacientes co fin de establecer semellanzas entre eles e recompilar sinais biomédicos para a obtención de valoracións.
Deste xeito, a tecnoloxía das ferramentas de recomendacións sería aplicable en múltiples eidos das ciencias da saúde, como por exemplo a terapia ocupacional, o descubrimento dos individuos mellor indicados para ensaios clínicos e mesmo a asistencia ao persoal sanitario na selección de fármacos, terapias e procedementos.
Gradiant lembra que a día de hoxe estase a traballar dende a nosa terra na aplicación na musicoterapia das devanditas interaccións tecnoloxías-saúde ao abeiro do proxecto SMEC (Sistematización da Musicoterapia en Contornas Clínicas) desenvolvido pola empresa galega Satdata. “Este caso en concreto”, informa o centro “permite tomar como referencia unha das aplicacións máis comúns na recomendación (a música) e reafirmar a aposta pola inclusión das tecnoloxías da información na saúde”.
Lembrar que a musicoterapia é un proceso no que se busca fomentar a relación, comunicación, aprendizaxe e expresión (entre outros) das persoas a través de actividades nun contexto musical, actividades que poden ser unha audición ou unha interacción con instrumentos, por exemplo. “Tomando como referencia a clínica de cada usuario”, engade Gradiant ao fío de SMEC (no que participa achegando colaboración e coñecemento a Satdata), “establecemos mecanismos a través dos cales podemos enriquecer algoritmos existentes para a súa aplicación específica; e de igual maneira a recollida de sinais biomédicos de calquera natureza (frecuencia cardíaca ou respiratoria) permítenos achegar ás valoracións subxectivas de cada paciente (os seus gustos persoais) unha dimensión moito máis obxectiva”.
Gradiant amosa o amplo potencial dos sistemas de recomendación no ámbito da eSaúde
Compartir Este Artigo
