O fabricante chinés Xiaomi vén de facer públicas as súas estimacións de vendas para a primeira metade do ano, amosando uns resultados moi sólidos, con 26,11 millóns de smartphones vendidos, o que supón un incremento interanual do 271%, superando sobradamente en 6 meses o que venderon en todo 2013 (18,7 millóns de terminais).
A compañía chinesa prevé vender uns 60 millóns de smartphones durante 2014, e polo momento para ir a bo ritmo de cara a conseguir tal obxectivo. Economicamente os resultados tamén son positivos, cuns ingresos na primeira metade do ano de 33.000 millóns de iuans (3.889 millóns de euros) o que suporía un incremento de vendas internual do 149%.
A saúda de Xiaomi no mercado chinés parece que non podería ser mellor, chegando a superar a Samsung en China segundo datos de Kantar WorldPanel ComTech. Apuntan que para o 41% dos compradores chineses o seu dispositivo de Xiaomi sería o seu primeiro smartphone, mentres que o 23% terían antes un terminal de Samsung.
Durante este ano Xiaomi está a ampliar a súa presenza internacional, de xeito que rematará 2014 vendendo os seus produtos en China, Hong Kong, Taiwán, Singapur, Malaisia, Indonesia, India, Filipinas, Tailandia, Vietnam, Rusia, Turquía, Brasil e México.
Aparte de smartphones, tamén entrou hai pouco no mercado dos tablets, dos reprodutores multimedia e dos televisores, con produtos cunha magnífica relación calidade-prezo que parece que tardaremos en ver fóra dos mercados asiáticos.
Xiaomi vendeu 26,11 millóns de smartphones na primeira metade do ano
Compartir Este Artigo

