A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores pola tarde, no Pazo de San Roque (Santiago), o acto de ingreso do primeiro dos seus novos catro membros, o catedrático da Universidade de Vigo Fernando Pérez. Tal e como acordaron os académicos o pasado mes de febreiro, de aquí a final de ano iranse incorporando tamén Ángel Carracedo, María José Alonso e Alicia Estévez. Segundo informa a RAGC, o discurso de ingreso do novo membro da entidade titulouse A derradeira adiviña de Shannon. Logo de pronuncialo, recibiu a medalla de académico de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma por parte do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
Lembrar que Fernando Pérez é catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e das Comunicacións da Universidade de Vigo. Desde 2009 ata 2011 foi titular da Cátedra Príncipe de Asturias en Ciencia Informática e Tecnoloxías Relacionadas, na University of New Mexico (EEUU), á que segue vinculado como profesor de investigación. O seu traballo científico, informa a Academia, céntrase nas comunicacións dixitais e a seguridade da información multimedia, temas sobre os que publicou máis de 200 artigos de investigación en revistas e conferencias internacionais e conta con 17 patentes no estranxeiro. É cofundador de 6 empresas do sector TIC en Galicia e artífice de Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, do que desde a súa fundación en 2007 é director xeral.
“Fernando Pérez”, engaden fontes da Academia, “é a primeira incorporación á RAGC desde hai dez anos e supón a apertura da institución a unha nova disciplina, a enxeñería de telecomunicación, na que non contaba con ningún membro”.
Fernando Pérez xa é membro da Real Academia Galega das Ciencias
Compartir Este Artigo
