O pasado 27 de xuño Vilalba acolleu unha nova entrega das súas Xornadas sobre Emprendemento e Empresa, un evento que serviu entre outras cousas para amosar casos de éxito en materia de novas iniciativas (novas á par que innovadoras) de mercado postas en marcha dende a vila chairega, a súa contorna e a provincia de Lugo por enteiro. No evento participou a Fundación CEL, tanto no que se refire á organización como no desenvolvemento das mesas redondas e relatorios. Por exemplo a través da participación directa de Lourdes Pardo, que amosou en detalle a actividade da Fundación en materia de asesoramento aos emprendedores e de aceleración de iniciativas (a través do seu viveiro, “o primeiro de carácter privado que se puxo en funcionamento en Galicia”).
Como dixemos, o evento dirixiuse a amosar as experiencias dos novos empresarios da provincia, fomentando o intercambio de coñecemento e puntos de vista arredor dunha cuestión que foi e segue a ser complexa: a transformación dunha idea de mercado nunha realidade palpable e de futuro. Participaron entre outros os responsables de iniciativas vinculadas ao viveiro da Fundación CEL, como Miramar Cruises (axencia en liña de viaxes), Don”t Be a Foreigner (aprendizaxe de español para estranxeiros a través de Internet), Agroamb Prodalt (xestión de refugallos e asesoramento medio ambiental) e Innolact (especialistas en produtos lácteos), todas elas empresas con moi fortes vínculos con Internet e as redes sociais. Outros proxectos empresariais que amosaron a súa actividade foron Granxa Maruxa, AMS lab, Interqué Networks ou Blindaxe Sports. Entre outros temas, falouse arreo de cuestións como emprendemento e innovación; axudas e financiamento de ideas emprendedoras; cooperativismo; emprender no rural ou TIC e redes sociais. A xornada rematou cunha visita á empresa lucense Queixería Prestes.
A innovación e os retos do emprendemento, ao descuberto nunhas xornadas celebradas en Vilalba
Compartir Este Artigo
