Falamos agora de eAdministración e Smart Cities, dous conceptos irmandados cos que cómpre relacionármonos, si ou si. Disto (de que os cidadáns e as institucións se atopen máis e mellor ao abeiro dos servizos en liña, mellorándose a comunicación, favorecéndose a participación e facilitándose o día a día de uns e outros) trata a información achegada este xoves polo Concello de Brión, que consiste na posta en marcha oficial da sede electrónica municipal de seu, sede.concellodebrion.org. A xestión da sede en liña, accesible tanto dende a web municipal como directamente, está delegada na Deputación da Coruña.
O espazo dixital, informa o Concello, “é unha prolongación da oficina administrativa tradicional, coa importante vantaxe de que estará dispoñible as 24 horas dos 365 días do ano para que os veciños e veciñas de Brión podan realizar os seus trámites de forma gratuíta e permanente”. Máis en detalle, a sede electrónica de Brión ofrece a posibilidade de levarmos a cabo ata trece tipos de xestións diferentes, procesos que se realizarán contando en todo intre con “completa información sobre o procedemento solicitado”. Por exemplo, unha descrición do obxecto da solicitude, a especificación de quen pode presentar esa solicitude ou unha breve explicación de como e onde facelo (así como unha relación de toda a documentación precisa en cada caso). Os veciños poderán logo elixir entre descargarse os impresos correspondentes (“para despois entregalos en persoa no Rexistro Xeral do Concello”) ou ben iniciar a tramitación en liña. De optar por este vieiro, a Deputación da Coruña fornecerá as garantías precisas en todo intre: garantías de identidade, integridade e autenticidade do veciño ou veciña a través dos certificados electrónicos. Ademais, o organismo provincial dispón dun rexistro telemático que acredita e certifica estas transaccións de información.
Como dixemos, fornécense 13 xestións. Estas están divididas en sete grupos de actividade. Inclúese un amplo abano de solicitudes e peticións: certificados de empadroamento, servizo de axuda a domicilio, reclamacións, queixas, suxestións, etc. A nivel urbanístico, poderanse realizar as comunicacións previas de inicio ou modificación de actividade, comunicacións previas de obra ou de obra de adecuación de local para actividades, así como solicitar licenza de actividade ou de edificación. Ademais, a través da sede electrónica tamén poderán presentar a solicitude para participar nun proceso de selección de persoal do Concello de Brión, solicitar a devolución dun aval ou solicitar a inscrición dos seus cans no rexistro de animais perigosos.
Brión pon en marcha a súa sede electrónica
Compartir Este Artigo
