A empresa de seguridade informática Kaspersky Lab vén de descubrir un sitio fraudulento en Facebook dedicado a pechar fileiras e facer colectividade arredor do futbolista Luis Alberto Suárez, novo xogador do Barça e dianteiro da selección uruguaia, moi comentado nas redes a raíz da súa dentada ao italiano Giorgio Chiellini, no pasado Mundial. Segundo informa a compañía, os datos de usuarios que se recompilen na páxina falsa, desenvolvida a semellanza da web da FIFA, pódense usar para subministrar correo lixo, correo de suplantación de identidades (phishing), mensaxes SMS non solicitadas ou mesmo aplicacións maliciosas.
A maiores, existe un potencial de risco importante no que se refire ao envío de ataques con programas troianos dirixidos a infectar computadores e dispositivos móbiles.
Kaspersky lembra que o obxectivo primeiro da páxina é pechar fileiras e crear unha fronte de seareiros arredor do devandito futbolista o máis ampla posible. Isto conséguese botando man dos métodos usados decote polas iniciativas postas en marcha nas redes sociais: solicítase aos usuarios que asinen unha solicitude (incluíndo nome, país de residencia, número de teléfono móbil e conta de correo) en defensa de Luis Alberto Suárez, que como lembraremos ten catro meses de sanción pola agresión ao xogador italiano (amais dunha multa considerable). “A popularidade viral da insólita reacción do xogador fichado polo FC Barcelona levou aos cibercriminais a aproveitar a situación para os seus fins delituosos”, informa Kaspersky.
Descuberta no Facebook unha web falsa en apoio do futbolista sancionado Luis Suárez
Compartir Este Artigo
