Este 25 de xullo, Día da Patria, celébrase en Santiago unha nova cita do Festigal, unha cita senlleira coa música galega e con tódalas expresións artísticas e culturais que abeiran e compleméntanse coa nos corrente musical. Polo tanto, haberá audiovisual e dentro deste eido, audiovisual de vangarda. De feito, Festigal 2014 terá o seu ingrediente de reflexión arredor das novas tendencias e metodoloxías de crear, rendibilizar e distribuír filmes, documentais ou series. Máis polo miúdo, proxectaranse no espazo audiovisual de Festigal tres pezas “de interese para a divulgación”. Falamos de A Fazaña da Liberdade, un documental sobre a vida de Alexandre Bóveda; Artemia, unha webserie impulsada pola plataforma dixital Irmandade TV; e IES Pazombies, unha curta sobre a lingua, feita por estudantes.
A Fazaña da Liberdade é un documental dirixido por Senem Outeiro sobre a vida de Alexandre Bóveda. Analízase o seu papel no desenvolvemento do nacionalismo galego da década de 1930, especialmente na configuración do Partido Galeguista, e a súa faceta como deputado en Madrid ata o golpe de Estado fascista e o seu posterior asasinato.
IES Pazombies é unha curta realizada integramente por estudantes do IES As Neves, que fai un interesante xogo sobre o uso dos idiomas e convértese nunha parodia sobre a situación actual que vive a lingua galega nos centros de ensino da Galiza.
Polo que atinxe a Artemia, sinalar que é unha webserie desenvolvida dende IrmandadeTV e dirixida por Darío Autrán. O argumento é este: Marcos (Gustavo Freire) perde o seu traballo como xornalista logo da ruptura coa súa moza Laura (Bea Meilán), que marcha con Esteban (Ernesto Delgado), irmán de Marcos. Así, a partir dun crime, a trama abre e anoa en arqueoloxías e dinastías familiares, nunha loita por coñecer o mundo real, que vai e vén nunha combinatoria de escenas veloces e de lenta construción nas emocións dos personaxes.
As novas correntes e feituras do noso audiovisual, polo miúdo no Festigal
Compartir Este Artigo
