Finalmente temos cifras do nivel de participación na iniciativa Galicia Open Future (GOF), o proxecto impulsado por Telefónica e AMTEGA para dar forma a un centro de crowdworking de novas empresas TIC emprazado na Cidade da Cultura de Santiago. Como lembraremos, Galicia Open Future é sen dúbida a gran iniciativa galega de Telefónica en 2014, unha palestra de proxectos tecnolóxico-dixitais que permitirá aos seus integrantes traballar libremente cos profesionais que estean máis preto (na propia aceleradora) pero tamén con xente afín a milleiros de quilómetros de distancia. Galicia Open Future, unha iniciativa inserida no Pacto Dixital asinado entre unha ducia de empresas (entre as que se conta Telefónica) e AMTEGA, rematou o 15 de xuño o prazo para o envío de achegas. En total, presentáronse máis de 130 proxectos á súa primeira convocatoria.
Segundo nos lembra Telefónica, Galicia Open Future comezará a súa andaina, oficialmente, o vindeiro mes de setembro. Dos máis de 130 proxectos seleccionáronse 50, que é a cifra prevista para o arrinque desta primeira edición. A maioría procede de Vigo e A Coruña, seguidas de Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración (idea, prototipo, piloto, lanzamento, comercialización). Céntranse en sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos (marítimo-pesqueiro, agricultura, enerxía), Cidades Intelixentes, lecer, cultura, saúde, educación e turismo, e algúns xurdiron en universidades e centros tecnolóxicos de Galicia. Telefónica salienta tamén a presenza de proxectos de dixitalización, comercio electrónico e aplicacións móbiles.
Segundo informa a operadora, “os emprendedores seleccionados recibirán asesoramento para que o seu proxecto gañe visibilidade, acceso a colaboradores que axuden a que as iniciativas evolucionen e as ferramentas para validar o funcionamento dos seus proxectos con clientes reais”. Poderán traballar na sede de Galicia Open Future, situada no edificio Gaiás de Santiago de Compostela, e tamén a través da plataforma web (openfuture.org). O período da estancia será de seis meses, ampliables a un máximo dun ano.
Telefónica tamén destaca que os 50 seleccionados recibirán unha axuda, achegada pola Axencia Galega de Innovación, de 2.000 euros. Unha vez superada a primeira fase, os proxectos xa evolucionados poderán optar a outra achega de 25.000 euros, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Ademais, os proxectos que consigan esta segunda axuda poderán ter a posibilidade de acceder a un préstamo reembolsable doutros 25.000 euros. “Ademais da formación e o financiamento”, lembran os responsables de Galicia Open Future, “os emprendedores elixidos poderán compartir experiencias con todos os emprendedores da rede Open Future de Telefónica a través do portal openfuture.org, que conecta entre si os espazos de crowdworking que, como no caso de Galicia, está a pór en marcha a compañía”. Ademais, o equipo de GOF axudará aos emprendedores a identificar fontes de financiamento e facilitará os contactos con fondos especializados en startups tecnolóxicas, como os que integran a rede Amérigo creada por Telefónica.
Máis de 130 proxectos presentáronse ao centro galego de crowdworking de Telefónica
Compartir Este Artigo

