Este xoves último día de xullo pechouse finalmente o prazo de presentación de ideas para a segunda entrega da aceleradora de empresas VíaVigo, unha palestra-acubillo de proxectos innovadores que, como lembraremos, aglutinou na súa primeira edición boa parte do emprendemento TIC vigués do pasado ano. En total, as propostas presentadas na nova edición de VíaVigo foron un total de 193, un 50% máis cás achegadas na primeira entrega. Isto, sinalaron os responsables do Consorcio, “pon de manifesto a gran inquietude emprendedora e innovadora da sociedade galega”.
VíaVigo, que como lembraremos fornece aos novos empresarios formación e asesoramento individual (amais de espazos e servizos de balde), conta nesta nova andaina con maiores recursos financeiros. Así, aos 10 proxectos que finalmente se seleccionen para pasar á fase de aceleración, a Xunta de Galicia, a través de GAIN (Axencia Galega de Innovación), achégalles ata un total de 250.000 euros para axudas a fondo perdido e, a través de Xes Galicia, ata 500.000 euros en préstamos participativos ou reembolsables. Pola súa banda, o Consorcio da Zona Franca, a través da empresa de capital risco Vigo Activo, mantén tamén a súa achega de 500.000 euros en préstamos da mesma índole. É dicir, cada un dos 10 proxectos de emprendemento que pasen á fase de aceleración recibirá un apoio financeiro que poderá chegar ata 125.000 euros (25.000 deles a fondo perdido e 2 préstamos de ata 50.000 euros cada un).
Que é o queda a partir da agora? Pois segundo informa o Consorcio, fica o “complexo labor” de valorar as 193 propostas presentadas. Teranse en conta criterios como o potencial innovador ou a susceptibilidade das propostas de seren obxectivos de investimentos. A partir disto, elixiranse os 40 proxectos que pasarán á segunda fase de selección que consistirá nun start up day no que se “traballará coas persoas que forman os equipos para valorar a súa madeira emprendedora, o seu grao de cohesión e complementariedade e a súa a capacidade de liderado e comunicación”.
Case 200 candidatos para a segunda edición de VíaVigo
Compartir Este Artigo
