Para quen teña dúbidas a estas alturas sobre como separar o lixo, e visto como anda a media de colectores deben ser moitos cidadáns os que teñen dúbidas, os responsables de SOGAMA veñen de lanzar unha aplicación do mesmo nome dirixida “a axudar aos cidadáns a separar de xeito correcto os refugallos urbanos”. A ferramenta, adaptada para os teléfonos con sistema operativo Android e iOS (iPhone), instruirá aos usuarios sobre a clasificación das distintas fraccións de residuos e axeitado depósito das mesmas nos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas.
A aplicación vai dirixida sobre todo aos máis novos, “dándolles claves para axudalos a diferenciar os materiais a introducir en cada recipiente” e asegurándose o seu posterior reciclado. Xa nun plano máis concreto, a ferramenta nó só achega información útil sobre cada tipo de contedor, senón tamén datos sobre que facermos coas pilas e onde depositalas ou indicacións sobre como atoparmos o punto limpo do noso concello e os servizos que achega. Tamén se nos fornece de guías para desfacernos dos refugallos máis potencialmente perigosos.
Igualmente, faise referencia á compostaxe doméstica nas vivendas unifamiliares que contan con horta e/ou xardín, “podendo fabricar a partir da materia orgánica xerada nas mesmas un abono natural de alta calidade con excelentes propiedades para o solo, substituíndo aos fertilizantes artificiais”, sinala Medio Ambiente da Xunta.
Por outro lado, inclúense na app diversos xeitos de impulsar a toma de conciencia do cidadán sobre os beneficios e utilidades do seu labor de reciclaxe.
A aplicación SOGAMA amósanos como acadar unha correcta reciclaxe e os beneficios desta
Compartir Este Artigo
