Para unha chea de internautas, a Rede ten hoxe en día ollos de máis. Ao seu xuízo, a gran eiva dos servizos tradicionais de correo electrónico é a seguinte: a teima que teñen de pedir que digamos quen somos e que acheguemos algún tipo de información persoal. Na procura de meirande confidencialidade neste eido, e sobre todo de meirandes garantías de privacidade e anonimato, púxose en marcha o servizo Leak, ferramenta en liña que serve para enviarmos emails a calquera persoa de forma que non se nos identifique.
Isto é moi axeitado para unha chea de mensaxes e as intencións que pode haber detrás dunha arela de ocultación son tantas coma os tipos de mensaxes. Ou sexa, que Leak vale tanto para información persoal ou corporativa lexítima como para todo aquilo que poda supoñer, nun futuro, a diferenza entre o inicio dun proceso xudicial e que este non comece nin se propoña tan sequera. Ditou doutro xeito: a través de Leak podemos enviar o que nos pase pola mente e sempre mantendo a nosa identidade a resgardo. Preséntase polo tanto como un arma de dobre fío, pero como acontece con todo, de haber culpa ou delito non será tanto do servizo como do uso que lle deamos.
Con todo, tamén é certo que en Leak non todo é peixe e hai certas normas e regulamentos que temos que cumprir a tempo completo. Como contrapartida, non se nos esixirá rexistro nin achegar información persoal que poida contribuír á nosa identificación. Unha vez que accedemos ao servizo e queiramos preparar un correo que enviar, teremos que especificar que tipo de remitente somos: se compañeiros de traballo, se familiares, se amigos de amigos, etc. E pouco máis, alén de incluír o corpo da mensaxe e a conta de correo a onde queiramos enviala. O servizo, polo tanto, quedaralle coma unha luva a quen busque total privacidade. Aos demais, que supoñemos son a maioría (ou sexa, os que dan a cara nas súas comunicacións en liña, cousa que recomendamos), non lles interesarán moito as vantaxes ofrecidas.
Leak: novo servizo de correo electrónico que garante o anonimato
Compartir Este Artigo
