Temos novo informe do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) sobre o estado de saúde das cousas tecnolóxicas en relación á nosa terra. Desta volta, a columna vertebral do estudo é a Administración Electrónica vinculada ao eido local. Ou sexa: vinculada ás administracións que por costume que máis preto están dunha chea de cidadáns. No informe sinálase entre outras cousas que “o 77,2% dos concellos galegos permite iniciar a tramitación telemática dos procedementos e en preto dun 6% os trámites poden realizarse totalmente de xeito electrónico”. Asemade, o 32,7% dos mesmos dispoñen de sitio web conta con sede electrónica, “valor que chega ao 60% para os de máis de 50.000 habitantes”.
Na investigación sobre concellos e eAdministración de OSIMGA, observatorio adscrito a AMTEGA, tamén se fai saber que os servizos máis implantados da sede electrónica son o rexistro de documentos (60,7%), o rexistro de queixas e suxestións ( 64%) e a solicitude de autorizacións, permisos (50,6%). “No último ano”, engádese, “o 7,8% dos concellos suprimiu a obriga de achegar algúns documentos (DNI, certificacións de obrigacións tributarias: AEAT; Seguridade Social; familia numerosa; discapacidade; inscrición en rexistros, etc) e máis do 12% dos mesmos substituíu por declaracións responsables algúns documentos como a certificación de conta bancaria, poderes de representación, etc”.
Asemade, arredor do 45% está en disposición de levar a cabo procesos integrados por vía electrónica cos sistemas doutras administracións. Este nivel de disposición chega ao cen por cen se nos atinximos a concellos de máis de 20.000 habitantes.
No estudo, como dixemos, contémplanse cuestións como as páxinas web municipais e o nivel de uso que se lles dá dende os goberno locais. Así, dise, “practicamente todos os concellos galegos teñen web de seu, o 95.6% do total, chegando ao 100% no caso dos de máis de 5.000 habitantes”. O informe tamén salienta que “os 42,9% das institucións locais enquisadas están presentes nalgunha rede social, case 10 puntos porcentuais máis que hai dous anos”. No relativo ás comunicacións da cidadanía cos concellos os mecanismos que seguen a predominar e que teñen case na totalidade dos concellos son o correo electrónico (96,9%) e o fax (93,9%).
Por outra banda, explícase, “o 30,7% das administracións locais dispoñen de varios edificios administrativos, e destes só un 30% as teñen conectadas, no caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes este valor chega ao 75%”. Tamén se indica que máis do 60% dos concellos dispón de redes sen fíos para uso propio ou dos cidadáns.
Un novo informe de OSIMGA sinala que o 80% dos concellos permite trámites electrónicos
Compartir Este Artigo
