A compañía Google, dona do buscador do mesmo nome, viuse forzada este luns a retirar da súa tenda en liña de aplicacións un xogo para dispositivos que simulaba os ataques que Israel está a perpetrar contra Gaza. A aplicación, segundo se conta, foi un despropósito dende o comezo mesmo do seu desenvolvemento, tanto dende o punto de vista comercial (xa poucas persoas quedarán no mundo que sigan defendendo e xustificando o proceder de Israel, polo que o target poboacional ao que se dirixe o produto é, ou debera ser, ben reducido), como dende o punto de vista ético e humano.
O xogo en cuestión, chamado Bomb Gaza, veu da man de PlayFTW e tamén se presentou como aplicación en Facebook. Amais de simular un ataque israelí, permite ao xogador cousas como lanzar bombas dende un avión de combate ao tempo que se lle convida a esquivar os proxectís enviados por Hamás. A proposta foi retirada dende Google Play por violar a política do servizo, segundo indicaron fontes de Google, que lembraron que seguirán a retirar todo aquilo que implique incitación ao odio ou á violencia. A ferramenta xa foi descargada por preto de un milleiro de usuarios dende o seu lanzamento a finais de xuño: todo un grupo selecto do que poderíamos denominar o mellorciño da nosa sociedade.
